9 de feb. de 2023

A GUARDA

Ante o feminicidio de Beatriz Lijó, en Baiona

UNHA REPRESENTACIÓN DA VECIÑANZA DE A GUARDA AMOSOU SÚA REPULSA 

 Nunha concentración na noitiña de onte, na praza do Reloxo




A veciñanza de A Guarda rexeita calquer acto de violencia contra ás mulleres
Reportaxe fotográfica: Santiago Baz Lomba

Infogauda / A Guarda

 Ante o feminicidio de Beatriz Lijó, en Baiona, e respondendo á convocatoria feita en todo o País, pola Marcha Mundial das Mulleres, na noitiña de onte mércores día 8 de febreiro, concentrouse na praza do Reloxo, unha representación da veciñanza de A Guarda, expresando coa súa presenza o rexeitamento a calquer acto de violencia contra ás mulleres, que por extensión tamén sofren seus fillos, e a solidariedade coas familias directamente afectadas - en realidade toda a sociedade cívica - polos inaceptábeis ataques ás mulleres, que son proba inequívoca do moito labor pendente de facer desde as institucións, para erradicar esa lacra.

 Na mobilización, participaron veciñas e veciños de A Guarda, membros da corporación municipal, sindicalistas, emprendedores/as,...

 Na concentración, que realizouse sen ningún tipo de incidencia, a concelleira Beatriz Lomba Rodríguez, deu lectura ao seguinte manifesto:

 Compañeiras, o domingo coñeciamos a terrible nova dun tráxico suceso en Baiona, este luns confirmáronse as nosas sospeitas, un novo feminicidio na Galiza.  Dende o feminismo galego activamos o noso protocolo de alarma, que ten como obxectivo organizar unha resposta contundente que se materialice en mobilizacións en repulsa aos feminicidios por todo o País.  

 Desde o ano 2010 son 69 as mulleres que foron asasinadas na Galiza, hoxe concentrámonos de novo en diferentes puntos do País en sinal de repulsa. Estas son as cifras da vergoña, que se verán incrementadas cando sexan esclarecidos os casos pendentes dos que non esquecemos.  

 Na loita contra os feminicidios seguimos agardando a que o mundo institucional deixe de gardar minutos de silencio e comece a preocuparse pola vida e pola seguranza das mulleres, de nada serven lazos lilás se a realidade son políticas criminais e abusivas contra as mulleres.  

 Estamos a un mes da data internacional do 8 de marzo, tinguiranse Concellos, Deputacións e Subdelegacións de lilás e de hipocrisía,  seguiremos sumando máis outra data na que se decreta un loito mais non se fan políticas reais para as mulleres.  

 Estamos fartas de  campañas de igualdade, como a  da Xunta, que  empregou o lema "non debería pasar pero pasa". Non queremos campañas misóxinas que poñen o foco en nós, non queremos leis machistas.  

 Organizamos a raiba fronte quen nos quer destruír, construímos discursos inclusivos en todolos ámbitos nos que participamos porque nós si somos feministas todo o ano, porque sen organización e sen loita non hai dereitos para as mulleres.  

 Exiximos que dunha vez se faga unha cobertura dos feminicidios con perspectiva de xénero, que se aborde desde idades temperás a violencia machista, que se combatan os estereotipos, que se cuestione o poder.  

 Exiximos que a leí galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero sexa efectiva. Exiximos recursos suficientes para abordar este problema e un compromiso real para acabar co terrorismo machista.  

 Somos o berro das que non teñen voz, é por iso que hoxe non queremos minutos de silencio porque o silencio é cómplice da violencia machista que nos asesina ano tras ano.  

 Temos dereito a ser libres, iguais e a estar no mundo sen pagar por esa liberdade. Querémonos libres, querémonos vivas e seguiremos en marcha até que todas sexamos libres!

Ningún comentario:

Publicar un comentario