A Casa dos Alonso acollerá unha nova charla informativa sobre a factura da luz
• O xoves 2 de marzo ás 20:00h, no salón de plenos do Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
A Casa dos Alonso vai acoller este xoves día 2 de marzo, ás 20:00 horas, no salón de plenos do Concello de A Guarda, unha nova charla informativa sobre a factura da luz. Participarán como relatores David Portela Andura, enxeñeiro industrial en electricidade, e Santiago González Veiga, avogado, especialista no sector eléctrico.
Nesta charla informativa, os participantes poderán ampliar información sobre a nova normativa en materia de electricidade; explicarase o novo formato de cálculo para os prezos da enerxía; as expectativas existentes no mercado do gas e da electricidade, así coma unha presentación do Top 3 de prezos de mercado actuais para posibles cambios de comercializadoras.
Ao remate desa charla haberá un momento para rogos e preguntas para que toda aquela persoa interesada poida resolver as súas dúbidas e indicar as cuestións que consideren.
Esta charla está enmarcada no Plan Rehabita, unha iniciativa posta en marcha en 2022 dende o Concello de A Guarda, para a mellora da eficiencia enerxética nos edificios e vivendas particulares da nosa vila e que desta volta pecha unha serie de reunións e sesións informativas que se celebraron en diferentes parroquias da localidade.
Plan Rehabita
O Plan Rehabita é un proxecto que ten como finalidade informar aos veciños sobre como rehabilitar as súas vivendas. Os propietarios dispoñen de información para saber que melloras deben acometer nos inmobles para aproveitar as líñas de subvencións que as administracións poñen a súa disposición.
Con este plan o concello crea unha proposta atractiva para os propietarios das vivendas de A Guarda, capaz de potenciar na localidade o alugueiro de longa duración e o aloxamento vacacional, así como a activación, a renovación e a modernización das vivendas existentes para entrar nas esixencias europeas de eficiencia enerxética e sustentabilidade.
Trátase dunha iniciativa que ven a materializar na Guarda o compromiso do PACES (Pacto dos Alcaldes e Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible) e que pretende achegar os obxectivos enerxéticos marcados pola Unión Europea aos municipios, co compromiso da redución dun 40% dos gases de efecto invernadoiro ata o 2030, adoptando as medidas conxuntas precisas para a atenuación do cambio climático, tendo en conta os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, informando aos cidadáns das accións a levar a cabo na busca dunha maior eficiencia para reducir a pobreza enerxética dos fogares e das familias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario