A Subdelegación do Goberno leva mañá a Pazos de Borbén “A Administración Cerca de Ti”, que xa percorreu 20 concellos da provincia
• O programa do Ministerio de Política Territorial, en colaboración coa FEMP, chegará a 33 municipios da provincia con menos de 8.000 habitantes
• Persoal da Subdelegación ensinará ás persoas interesadas a relacionarse coa Administración de forma dixital, resolverán dúbidas e tramitarán, entre outros, o Certificado Dixital, básico para moitas xestións
Infogauda / Pazos de Borbén (Pontevedra)
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, informa de que a Subdelegación do Goberno presenta mañá no concello de Pazos de Borbén o plan estatal “A Administración Cerca de Ti”, que achega as ferramentas da Administración dixital aos veciños e veciñas que viven no rural. Trátase do programa do Ministerio de Política Territorial, en colaboración coa FEMP, enmarcado nas políticas de reto demográfico para avanzar na eliminación da fenda dixital e na cohesión social e territorial.
Deste xeito, persoal da Subdelegación do Goberno visitará a partir das 12.00 horas na casa consistorial, cos seus equipos tecnolóxicos, a veciñanza deste municipio para ensinarlles ás persoas interesadas a relacionarse coa Administración de forma dixital, resolver dúbidas e tramitar, entre outros, o Certificado Dixital, imprescindible para moitas xestións e que só se pode tramitar na presenza física da persoa que o solicita.
Esta iniciativa do Goberno de España xa percorreu outros 20 concellos da provincia. Foron, concretamente, os de Vilaboa, Vila de Cruces, Valga Cerdedo-Cotobade, Catoira, O Rosal, Mondariz, Campo Lameiro, Portas, Oia, Rodeiro, A Cañiza, Ponte Caldelas, Dozón, Cuntis, Meaño Moraña, Barro, Crecente e Fornelos de Montes. Tras a visita de mañá a Pazos de Borbén, están xa previstas sesións na Lama (1 de febreiro), Mondariz Balneario (6 de febreiro) e Meis (8 de febreiro).
O obxectivo é ter presenza en todo o territorio rural da provincia, ofrecendo un servizo útil e próximo, coa garantía de que as persoas que viven nas localidades de menor poboación reciban os mesmos servizos públicos.
En total, 33 municipios de menos de 8.000 habitantes da provincia acollerán xornadas da “Administración Cerca de Ti”. Actualmente, a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de xeito dixital a maior parte das xestións e das comunicacións cos seus departamentos. Dende trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos casos só se pode xestionar telematicamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario