26 de xan. de 2023

A GUARDA

O Concello de A Guarda e AFAGA iniciarán un programa de prevención da deterioración cognitiva ‘Cultiva a Mente’ 

Está destinado a maiores de 55 anos sen diagnóstico de demencia. 

O programa, en principio, terá unha duración ata fin de ano.  1 de cada 10 persoas maiores de 65 anos ten Alzheimer e calcúlase que en 2050 o número de casos triplicarase 




Infogauda / A Guarda

 O aumento da esperanza de vida conleva novos retos e un dos máis importantes é o das enfermidades neurodexenerativas.  

 Unha das maneiras de facerlles fronte é coa prevención. A maneira en como envellecemos e os nosos hábitos de vida son variables moi influentes no noso estado cognitivo. Por iso é tan importante contar con programas de prevención da deterioración que axuden á cidadanía para establecer boas pautas de envellecemento.  

 Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, e Juan Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Galicia (AFAGA) acaban de asinar un acordo para a posta en marcha dun programa de prevención da deterioración cognitiva no concello pontevedrés.  

 O devandito programa, chamado ‘Cultiva a Mente’, está destinado a persoas maiores de 55 anos (17.277 guardeses*) sen diagnóstico de demencia. Os talleres buscarán: 

- Fomentar o envellecemento activo e positivo 

- Fomentar a sociabilidade e a xestión emocional 

- Coñecer como funciona o noso cerebro 

- Estimulación das funcións cognitivas  

 Trátase de exercitar a mente á vez que socializar, escapar da rutina diaria, divertir e entreter e, desta forma, espertar nas persoas usuarias novas inquietudes intelectuais.  

 De entrada, habilitarase un grupo de actuación con 15 prazas que se reunirá cada venres durante dúas horas, comezando o próximo 10 de febreiro e cunha duración, en principio, ata fin de ano. En cada sesión realizaranse exercicios de estimulación, sesións formativas de temas de interese e resolveranse dúbidas relativas ao proceso de envellecemento.   

 Ademais, facilitaranse tarefas e actividades para promocionar o envellecemento activo máis aló deste programa.  

 As persoas interesadas poden inscribirse nos Servizos Sociais do Concello de A Guarda e no teléfono 986 61 45 07.  

 O programa de prevención da deterioración cognitiva ‘Cultiva a Mente’ xa está presente noutros concellos da comarca e ten unha gran aceptación por parte das persoas usuarias.  

Fontes:

Fundación Pasqual Maragall.

Instituto Galego de Estatística. Agosto 2022.

Ningún comentario:

Publicar un comentario