13 de dec. de 2022

VAL MIÑOR / BAIXO MIÑO

A XUNTA DE GALICIA SOMETE A INFORMACIÓN PÚBLICA O PARQUE EÓLICO TOROÑA

Situado nos concellos de Oia, Baiona, Tomiño e O Rosal


Ubicación dos muiños no Outeiro dos Marcos, Alto da Mina e A Noiteboa, na zoa de Baiona
Fonte: Bruno Centelles

Infogauda / Redacción

 Polo interese e repercusión que poida ter para á comunidade veciñal, en xeral, reproducimos íntegramente o anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia (D.O.G.),  núm. 234, correspondente ao luns, 12 de decembro de 2022, páx. 63016, que dí o seguinte:

VI. ANUNCIOS  

A) ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA  VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

 RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se someten a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico, do parque eólico Toroña, situado nos concellos de Oia, Baiona, Tomiño e O Rosal, na provincia de Pontevedra (expediente IN408A 2020/149). 

 En cumprimento do disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e demais normas vixentes de aplicación, sométese á información pública a solicitude relacionada coa instalación que se describe a seguir: 

Solicitante: Lan2030 Toroña, S.L. (NIF: B70611249). 

Domicilio social: parque empresarial de Alvedro, rúa F, nave 11, 15180 Culleredo, A Coruña.  

Denominación do proxecto: parque eólico Toroña. 

 Concellos afectados: Oia, Baiona, Tomiño e O Rosal (Pontevedra). 

 Áreas de desenvolvemento eólico: Toroña I e Toroña II. 

 Potencia total: 47 MW.

Número de aeroxeradores: 10.

Produción neta prevista: 155,7 GWh/ano.

Prazo de execución: 10 meses.

Orzamento total (execución material): 38.289.018,89 €.

Coordenadas da poligonal de delimitación do parque eólico:

Características técnicas recollidas no proxecto: 

– 10 aeroxeradores Gamesa Siemens modelo SG 4.7-155, de 4,7 MW de potencia nominal unitaria, 155 m de diámetro de rotor e 102,5 m de altura de buxa. Cada aeroxerador está equipado cun transformador, instalado no interior da góndola, de potencia nominal 5.500 kVA e relación de transformación 0,69/30 kV.  

– Rede eléctrica subterránea de 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora, formada por tres circuítos. O circuíto 1 (de 14,1 MW de potencia) conecta os aeroxeradores T-1, T-2 e T-3 coa subestación; o circuíto 2 (18,8 MW) os T-4, T-5, T-6 e T-7 e o circuíto 3 (14,1 MW) os T-8, T-9 e T-10.  

 As liñas están constituídas por ternas de condutores unipolares tipo RHZ1 18/30 kV Al de sección 95, 150, 240, 400 e 500 mm2 segundo o tramo. Na gabia das liñas colectoras tamén se instalan o cable de terra (un condutor de cobre nu de sección 50 mm2) e os cables de comunicacións.

– Subestación transformadora PE Toroña 30/132 kV, que compartirá localización, no concello de Tomiño, coa futura subestación Barrantes 132 kV de UFD Distribución Electricidad, S.A., mediante a cal se abrirá a liña de 132 kV que conecta as subestacións de Gondomar e O Rosal, e coas infraestruturas necesarias para a conexión doutros parques eólicos que se están a desenvolver na zona. 

Está proxectada como unha subestación convencional de intemperie, con illamento en aire (AIS), cunha única posición de liña de 132 kV e un transformador 132/30 kV de exterior, de potencia nominal 40/50 MVA, en baño de aceite.

As instalacións de media tensión están situadas nun edificio prefabricado que tamén alberga os dispositivos de mando, protección e medida. Dispón de tres posicións de entrada de liña de 30 kV para recoller os circuítos procedentes do parque eólico, unha posición para a protección do transformador de potencia e unha para a protección do transformador de servizos auxiliares e medida de tensión de barras. Tamén hai un grupo electróxeno de emerxencia, sistemas de corrente continua e outras instalacións auxiliares necesarias para o correcto funcionamento da subestación.

– Torre meteorolóxica de 102,5 m de altura.

– Obra civil consistente na rede viaria de acceso ao parque e aos aeroxeradores, mellorando camiños existentes e construíndo outros novos; cimentacións e plataformas para os aeroxeradores, a torre meteorolóxica e a subestación; gabias para o tendido dos cables soterrados e outras obras auxiliares.

Órgano competente: o órgano competente para autorizar o proxecto da referida instalación eléctrica é a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

Procedemento de avaliación ambiental: o proxecto da referida instalación eléctrica está suxeito a avaliación de impacto ambiental ordinaria, segundo o establecido no artigo 7.1.a) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

De acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e demais normas de aplicación relacionadas ao inicio desta resolución, constitúen o obxecto da información pública os seguintes documentos: proxecto de execución, estudo de impacto ambiental e proxecto de interese autonómico.

O que se fai público de conformidade co artigo 33.10 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, para coñecemento xeral, e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións no prazo de trinta (30) días, a partir do día seguinte ao da última publicación desta resolución.

Esta documentación estará á disposición das persoas interesadas na Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (avenida Mª Victoria Moreno, 43, 5º, 36071 Pontevedra), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, con cita previa no número de teléfono 986 80 52 34, así como nas dependencias municipais dos concellos de Oia, Baiona, Tomiño e O Rosal. Tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da seguinte ligazón:

https://ceei.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion

Pontevedra, 1 de decembro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra

Ningún comentario:

Publicar un comentario