1 de dec. de 2022

TUI

O director xeral de Cultura inaugurou a mostra ‘O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra’ 

 A Xunta de Galicia achega a Tui un percorrido fotográfico pola historia do Camiño Portugués a través de imaxes de 35 fotógrafos de ambos lados da raia do s. XIX ata hoxe  

 Composta por 71 imaxes e comisariada por Lucía Laín, a mostra dialoga entre a fotografía do pasado e unha mirada actual ás realidades deste itinerario cultural, cun especial protagonismo de imaxes históricas de Tui e as terras do Baixo Miño 




Infogauda / Tui

 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na sala de exposicións municipal do concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez, O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, unha mostra fotográfica que se asoma, a través de 71 instantáneas dos séculos XIX, XX e XXI, ás realidades, paisaxes e patrimonio da ruta xacobea que une as cidades do Porto e Santiago de Compostela.  A mostra chega a Tui tras o se paso por Santiago de Compostela e Vigo. 

 O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que Tui e as terras do Baixo Miño “teñen un protagonismo especial nesta exposición”, que recolle, entre outras, fotografías históricas tiradas no primeiro terzo do século XX por Pacheco, José R. Seco, José Moreira ou o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen retratou como ninguén a vida, xentes e paisaxes da España dos anos 20. “A eles súmanse olladas antigas e contemporáneas da bisbarra e dos pobos lindeiros da fronteira portuguesa, como as que nos achegan José Gouveia Gomes Junior, Roberto de la Torre, Carmenchu Alemán, Antón Buciños, José Suárez ou Modesto Martínez”, remarcou Anxo M. Lorenzo. 

32.000 visitas en Santiago e Vigo

 A mostra está organizada pola Xunta e o concello de Tui e poderá visitarse na sala de exposicións municipal ata o vindeiro 29 de xaneiro. No acto de inauguración, no que tamén participou a directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, e a comisaria da mostra, Lucía Laín, Anxo M. Lorenzo destacou que a itinerancia a Tui de O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra se encadra “nos obxectivos do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, a través do que o Goberno galego se propón levar a programación do Gaiás a centros culturais de toda a Comunidade, converténdose en rótula e axente dinamizador do noso sector cultural”. Neste sentido, lembrou, a mostra foi xa visitada por máis de 32.000 persoas durante a súa estancia no Museo Centro Gaiás e no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde recalou a primeira das súas itinerancias. 

 Pola súa banda, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, quixo tamén poñer en valor o traballo da comisaria da mostra, Lucía Laín, “que fía un magnífico relato a través da ollada de grandes figuras da arte fotográfica das dúas beiras do Miño, e nun delicado equilibrio entre imaxes históricas e contemporáneas, e entre fotógrafos consagrados e emerxentes, de procedencias diversas, pero cun denominador común: ter transitado polos sendeiros desta ruta histórica de gran valor natural, cultural e paisaxístico”. 

A comisaria, Lucía Laín

 Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballou como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que comisariou máis de 12 exposicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario