17 de dec. de 2022

TOMIÑO

Alfonso Rueda e Luis López participaron esta mañá na presentación da candidata do PP á alcaldía.  

Lara Meneses: “Tomiño necesita crecer cun partido serio, con capacidade de xestión e que goberne para todos por igual”  

Rueda: “Lara abandeira a política responsable, serena e rigorosa que cómpre máis que nunca nestes momentos.... Mentres outros con máis primaveras seguen practicando a versión máis infantil do servizo público: a dos incumprimentos, a inacción e as ocorrencias”. 


A presidenta da xestora do Partido Popular, Lara Meneses, no acto da súa presentación como candidata á alcaldía nas eleccións municipais de maio, na que tamén participaron o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e do PP de Pontevedra, Luis López




Infogauda / Tomiño

 A presidenta da xestora do Partido Popular, Lara Meneses, sinalou esta mañá que “Tomiño necesita crecer cun partido serio, con capacidade de xestión e que goberne para todos por igual”. Foi durante a súa presentación como candidata á alcaldía nas eleccións municipais de maio, na que tamén participaron o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e do PP de Pontevedra, Luis López. 

 Meneses amosouse ilusionada para conseguir o cambio que Tomiño necesita a partir de maio: “Estou convencida, motivada, ilusionada. Creo neste proxecto e na xente que o forma”. Para conseguilo, destacou os piares sobre os que se asenta o proxecto dos populares. O primeiro, explicou, é a baixada inminente dos impostos municipais. “Desde que goberna o BNG, o IBI multiplicouse por catro, unha vivenda que pagaba 50 euros agora paga 200: por lixo pagábamos 39€ e agora, 80; e comezaron a aplicar o imposto de plusvalía. Co único obxectivo de recadar para gastar nos seus caprichos, esta recadación non se repercute nin en mellores servizos públicos ni en mellores infraestruturas”.  

 Ademais, tamén aposta por recuperar o proxecto para desenvolver un polígono industrial, “co que atraer industria e xerar emprego, xa que desde que goberna o BNG non tiveron intención algunha de facelo posible”. E, sobre todo, incidiu, priorizar e traballar por todas as parroquias, “para dárlles vida, servizos e reposta ás súas demandas”. Unha delas, sinalou, é facilitar a mobilidade e o desprazamento entre elas. “Resulta curioso que o Goberno local dea tanta importancia a facer pontes con Portugal cando os veciños de Tomiño que non conducen non teñen xeito de moverse entre as diferentes parroquias e chegar ao centro da vila”. 

 Para ser “o Goberno máis caro de Tomiño, que custa máis de 240.000 euros”, engadiu a candidata, “o balance de xestión é moi malo”. Por iso, a popular dixo que fronte a un Goberno “que fai e desfai ao seu antollo e sen respectar nin aos veciños, nin aos autónomos, nin aos colectivos... o Partido Popular é a solución para garantir un concello no que non se deixe atrás a ninguén, que trate a todas as parroquias con igualdade e teña en conta as opinións dos seus veciños.


O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda nun momento da súa intervención

 Pola súa parte, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, agradeceu a Lara que elixise Tomiño para ofrecerlle unha alternativa de futuro: “Hai unha maioría real, palpable e clamorosa que espera pola alternativa. Cómpre dicirlles que non están orfos, o PP é esa maioría e esa alternativa”. 

 Sobre a candidata, o líder popular destacou que “abandeira a política responsable, serena e rigorosa que cómpre máis que nunca nestes momentos.... Mentres outros con máis primaveras seguen practicando a versión máis infantil do servizo público: a dos incumprimentos, a inacción e as ocorrencias”. Así, defendeu que “quen queira un Tomiño más forte ten a súa casa no Partido Popular. Aquí non sobra ninguén: todos xogamos un papel, todos somos importantes e todos estamos chamados a sumar para mellorar os resultados no concello”.  

AS ELECCIÓNS MÁIS IMPORTANTES PARA TRANSFORMAR OS CONCELLOS 

 Tamén o presidente provincial, Luis López, recordou que o cambio de Tomiño comezou hai nove meses co nomeamento de Lara Meneses como presidenta da xestora local do PP “cun proxecto que será clave para o futuro deste concello”. Durante a súa intervención, expuxo que as eleccións municipais son as máis importantes para os concellos: “A política local é a que transforma o concello no que vivimos. Son as alcaldesas e os alcaldes, e os seus gobernos, os que primeiro responden en situacións de urxencia e de necesidade. Por iso é tan importante elixir ben, apostar por proxectos serios, por equipos que traballen, que teñan ilusión e ideas. Por persoas que empaticen e entendan as nosas preocupacións e, sobre todo, por partidos que resolvan”. Neste senso, pediu aos tomiñeses “que non se conformen cun goberno esgotado, poden aspirar a máis. O PP e Lara representan un proxecto serio, ilusionante e con garantías”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario