26 de nov. de 2022

A GUARDA

ORNITOLOXÍA NO ESTEIRO DO MIÑO 

• Unha monografía de ANABAM, que contribuirá á coñecer mellor a maioría das aves do último tramo do río Miño


Portada da publicación que vén de editar a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)
Foto: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Por iniciativa do seu presidente e cofundador, Agustín Ferreira Lorenzo, a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), vén de publicar Ornitoloxía no Esteiro do Miño. Trátase dun traballo da autoría de Agustín Ferreira Lorenzo, responsable da idea, deseño e texto desa publicación, na que colaboraron desinteresadamente 26 fotógrafos, así como membros de ANABAM que ao longo da andaina desa asociación contribuiron, en palabras do autor da monografía, a que este traballo sexa unha realidade.

 Ao longo de 80 páxinas e cunha atractiva presentación, iluminada con 170 fotografías a toda cor, Ornitoloxía no Esteiro do Miño, pretende ser unha publicación que facilite a identificación da maior parte das aves relacionadas co medio acuático e que están presentes no último tramo do río Miño, pero tamén é, ao mesmo tempo, un recompilatorio, un inventario ou unha memoria de moitas observacións de campo levadas a cabo tanto de xeito individual como acompañado polos meus compañeiros da asociación, algúns dende os inicios da mesma, alá polo ano 1985 (...), indica Agustín Ferreira Lorenzo a modo de presentación.

 A monografía - que contou cunha axuda económica do Concello de A Guarda - sirve tamén  para visibilizar “o labor intenso desenvolvido polos membros de ANABAM no Esteiro do Miño ao longo de máis de 35 anos”, que como indica Agustín Ferreira Lorenzo “deu como froito que este enclave non se vira perturbado por infraestruturas daniñas contra o entorno, por exemplo con portos deportivos ou campos de golf, por poñer dous exemplos, e se minimizaran outros impactos que poderían incidir negativamente nesta área; tamén fixemos posible que fose un lugar protexido, ainda que sexa medianamente.

 Ao longo de todos estes anos tratamos de divulgar os valores naturais da zona, a través de visitas guiadas, tanto para escolares como para o público en xeral, e utilizamos os diferentes medios de difusión para que o Esteiro do Miño sexa coñecido como unha paraxe natural das máis importantes de Galicia.

 Pero faltaba algo que consideramos esencial, como é unha publicación que facilitase o coñecemento das aves que poden ser observadas neste recuncho do noroeste peninsular. Xurde así esta modesta publicación que pretende axudar a un mellor coñecemento deste humedal (...)”. 

 O contido da publicación Ornitoloxía no Esteiro do Miño vai ser unha achega imprescindible que contribuirá non soio ao coñecemento das diferentes especies de aves que podemos observar nesa área xeográfica, senón que será de moita utilidade para unha verdadeira posta en valor do Esteiro do Miño. Un espazo que ademáis de diferentes elementos etnográficos, históricos, naturais e patrimoniais, acolle unha verdadeira "Arca do Noé", no que respecta as aves que frecuentan esa zona, que nun futuro non moi lonxano, ben podería - e debera - ser incluída como Reserva da Biosfera Transfronteiriza Baixo Miño - Alto Minho (Pontevedra e Portugal). 

 A partir deste vindeiro luns, xa está dispoñible a primeira guía ornitolóxica do Esteiro do Miño, e nada mellor que comezar con ela para visitar este humedal galego, agora que estamos en plena época de aves acuáticas. ANABAM entregará un exemplar por cada doazón superior a tres euros que se faga a esta asociación, a cal irá destinada aos programas de conservación e protección que desenvolve esta entidade como son o Proxecto Borrelho, nas praias do outro lado do Miño, ou o proxecto de proteccion do bosque de ribeira, na parroquia guardesa de Salcidos, indican desde ANABAM.

Ningún comentario:

Publicar un comentario