17 de nov. de 2022

A GUARDA

O Colexio San José (HH. Carmelitas) acolleu a exposición “O Mundo dos Selos”  

 Organizada pola Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI), coa colaboración da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F. e N.G.) e o patrocinio de Correos 


Angie Leis Matogueiras - no centro da imaxe - con (de esq. á der.): Patricia Vicente Baz, representante da ANPA: Fátima Rodríguez Marcos, concelleira de Educación;  Miguel Visconti Vaamonte, xefe de Correos da oficina de A Guarda; Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; Juan Carlos Blanco Calvo, monitor de FESOFI, Marcelino Portela Lorenzo, vicepresidente da Sociedade Filatélica e Numismástica Guardesa; e Jesús Martínez Cadilla, xefe de Estudos, do colexio San José (HH.Carmelitas)
Fotos: S.F. e N.G.


Almudena Taboada Lago* / A Guarda

 Do 14 ao 16 de novembro no Colexio San José (HH. Carmelitas) - este ano por segunda vez na nosa vila - celebrouse a exposición filatélica “O Mundo dos Selos” que organiza a Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI), coa colaboración da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F. e N.G.) e o patrocinio de Correos que ademais emitiu tres selos personalizados de curso legal, un deles co debuxo da gañadora - Angie Leis Matogueiras - do concurso celebrado entre o alumnado do colexio.


Marcelino Portela Lorenzo, vicepresidente da SFeNG; María Jesús Herrero López-Freire; Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; e Miguel Visconti Vaamonde, pondo en circulación o mataselos especial da exposición



 O martes día 15, xornada de portas abertas para os pais, os alumnos tiveron a oportunidade de participar en talleres interactivos, coordinados por Juan Carlos Blanco Calvo, monitor da Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI). 

 Realizáronse talleres virtuais, xogos educativos sobre a historia do selo, quebracabezas, preparación de coleccións virtuais, etc.


Sala de Exposición

 

 A exposición, que estaba na planta baixa do centro, incluíu espazos temáticos e un percorrido por paneis decorados, con selos ao redor de tres núcleos de interese: Deportes, Medio Ambiente e Comunicación. A este último panel engadíuselle unha pantalla de proxección con contidos sobre a historia do selo e a comunicación escrita.


O vicepresidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa cos alumnos



 a) Coleccións infantís. Presentaron coleccións de selos realizadas por escolares de 6 a 8 anos en tres vitrinas tipo pupitre, como mostra das posibilidades do selo na escola. 

 b) O mundo da filatelia. Vitrinas de exposición na que se ensinaban as principais ramas da filatelia. 

 c) Proxección: Incorporouse unha pantalla de proxección. Entre outros contidos, proxectouse unha adaptación audiovisual da Historia do Correo, (Antes do selo, coñecer o selo, curiosidades filatélicas e cuños), creada pola Comisión de Mocidade de FESOFI, cunha duración estimada de 15/20 minutos, cunha explicación sobre a comunicación escrita, os estamentos que a utilizaron nun principio, as formas de realizar o seu transporte e distribución, a aparición do selo, a influencia do selo na sociedade e a cultura no uso da comunicación escrita ata os nosos días.


* Secretaria da S.F.e N.G.

Ningún comentario:

Publicar un comentario