17 de out. de 2022

O ROSAL

A auga e o seu aproveitamento, a debate este xoves no Rosal   

Marta Arribas, técnica da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil,  dará unha charla sobre a legalización do aproveitamento deste recurso para rego e consumo humano 

Este xoves 20 de outubro, ás 17.00 horas, no Centro Social Polivalente




Infogauda / O Rosal

 A auga é un recurso imprescindible para a vida, para as actividades humanas e para o desenvolvemento da agricultura e gandaría. A auga doce e potable convértese hoxe en día nun ben moi prezado e limitado que debe coidarse con especial agarimo dada a crecente demanda e a súa escasez nun contexto cada vez máis claro de cambio climático.

 Para abordar estas e outras cuestións, a técnica da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil Marta Arribas visitará este xoves 20 de outubro no Rosal para impartir a súa charla ‘A auga, un recurso imprescindible’, no que informará sobre a legalización de aproveitamento de auga para rego e consumo humano.

 A charla, que forma parte do programa de actividades culturais postas en marcha polo Concello do Rosal para este outono, terá lugar a partir das 17.00 horas no Centro Social Polivalente. Todas as persoas interesadas en participar poderán acceder á charla de balde con entrada libre ata completar aforo.

 “Sempre é positivo difundir entre a veciñanza conceptos básicos para un uso responsable da auga e orientalos ademais, como é nesta ocasión, cara ao seu aproveitamento tanto para o seu uso nos nosos fogares para consumo como para outras actividades como pode ser o rego. Queremos conseguir un uso eficiente deste recurso”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que convida a todas e todos os rosaleiros a participar neste encontro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario