24 de out. de 2022

A GUARDA

O concello de A Guarda acordou comezar o procedemento de licitación da piscina municipal 

A pesar da oposición do PP e Converxencia Galega 


Vista parcial das instalacións da piscina climatizada municipal de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Coñecedores da renuncia da empresa prestadora do servizo á prórroga que lle permitiría continuar co contrato, o equipo de goberno do concello de A Guarda, comezou, a primeiros de 2022, as xestións para unha nova licitación da explotación e mantemento da piscina. Así, en marzo deste mesmo ano contrataba a “Redacción Estudo e Pregos da Piscina Municipal”. 

 Coa documentación, froito do estudo encargado en marzo, e a aportada pola empresa que presta actualmente o servizo, o departamento económico do concello elaborou un documento de viabilidade económico-financeira que foi aprobado no pleno extraordinario do pasado venres 21 de outubro e que será sometido a información pública durante un mes como paso previo a redacción e publicación dos pregos de licitación. 

 O equipo de goberno, co apoio do BNG, sacou adiante a aprobación do estudo de viabilidade no pleno. De non contar cos seus votos favorables a licitación do novo servizo da piscina estaría en suspenso tal e como pretendían o PP e Converxencia Galega, afirman desde o executivo local que preside Antonio Lomba Baz. 

 O goberno municipal considera que o intento de entorpecemento destes dous grupos foi unha irresponsabilidade que podía traer graves consecuencias. Xusto as que o PP anunciara nunha nota de prensa fai uns días cando publicaba que, “a empresa que xestiona a piscina municipal da Guarda deixará de prestar servizo o 31 de outubro salvo que se inicie a elaboración dun novo concurso de xestión”. Inicio do concurso que o propio PP tratou de entorpecer”.

 “Para garantir o funcionamento da piscina mentres dure o procedemento da nova licitación o alcalde de A Guarda acadou un acordo coa empresa que presta o servizo na actualidade”. Dende o goberno guardés transmítese “unha mensaxe de tranquilidade aos empregados e usuarios da piscina indicándolles que a continuidade do servizo está asegurada”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario