25 de out. de 2022

A GUARDA

Unha nova mirada sobre O Quixote

 Pensada para desfrutar en familia é o evento escollido para conmemorar o Día das Bibliotecas 

• A función terá lugar no Centro Cultural o vindeiro sábado 29 de outubro ás 18:00h


Sobre un velocípedo a modo de Rocinante fai súa aparición o histriónico Quixote, e sobre o triciclo que sustitúe ao asno Rucio, cabalga o seu inseparable Sancho

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Este sábado comeza a tempada teatral de corte infantil e familiar da man do gran clásico O Quixote. Esta peza, que será posta en escea pola compañía Pedras de Cartón, foi escollida para celebrar o Día das Bibliotecas que cada ano se conmemora o 24 de outubro. Con todo, a función terá lugar no salón de actos do Centro Cultural, o vindeiro sábado 29 de outubro, ás 18:00h. 

 O acceso á función é libre e de balde ata completar o aforo da sala, e non se precisa reserva previa.  

 A peza - que ten unha duración de 50 minutos -  vén a recuperar o gran clásico da literatura española, presentando unha proposta dunha coidada calidade técnica sen perder o gancho co seu principal destinatario: as crianzas. 

 Cunha estética inspirada no paiaso clásico e en clave de clown, a obra afronta as escenas mais icónicas e mais cómicas da relación antagónica entre Quixote e o seu escudeiro Sancho. Sobre un velocípedo a modo de Rocinante fai súa aparición o histriónico Quixote, e sobre o triciclo que sustitúe ao asno Rucio cabalga o seu inseparable Sancho. Xuntos afrontarán os feitos mais inverosímiles tanto de día como de noite.   

 Esta obra, segunda entrega da compañía Pedras de Cartón, que xa presentou na Guarda a adaptación do Lazarillo de Tormes, foi gañadora por unanimidade do X Certamen Internacional Barroco Infantil de Almagro, celebrado en 2021. A compañía vén especializandose así no seu cometido de abrirse ao exterior e recuperar os grandes clásicos da literatura española a novos públicos.    

 Desde a concellería de Cultura, Mª Monserrat Magallanes Álvarez afirma: "Por todo o antedito, a función é moi recomendable para gozar en familia, e convidamos ao gran número de nenas e nenos a acudir este sábado ao Centro Cultural, invitación que facemos extensiva ao resto de seguidores e amantes do teatro, así como amantes da literatura clásica".  

 Como o resto da programación incluída no Outono Teatral esta obra está subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario