Especialistas traballan xa na recuperación da ponte tardomedieval de Taborda
O Concello retomou este verán os traballos de reparación tras obter a autorización de Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para realizar a obra entre xuño e outubro, cando o caudal do río é menor
Nesta fase estanse a retirar os tocos encaixados e procederase ao cimbrado da ponte e ao seu arranxo, todo de xeito manual
Infogauda / Tomiño
O Concello de
Tomiño continúa coas obras para a reparación, recuperación e conservación da
ponte tardomedieval de Taborda, coñecida tamén coma ‘ponte de Hospital’.
Trátase dunha ponte do século XVI, de finais da Idade Media, en cantería
irregular, dun só vano e cunha lonxitude de 7 metros sobre o río Cereixo que
daba paso a un antigo hospital existente na zona. A alcaldesa de Tomiño, Sandra
González, destaca “a importancia de reparar e conservar os elementos históricos
monumentais do municipio. Dende o Concello seguimos apostando pola recuperación
do noso patrimonio e dos nosos bens de especial protección, como esta ponte,
uns labores nos que contamos sempre co apoio e traballo de profesionais
especializados”.
Tras unha primeira fase na que se cortaron tres árbores que medraban dende a base da ponte e afectaba á estrutura, o Concello está xa levando a cabo os traballos propios de recuperación da ponte da man de especialistas en patrimonio. As obras comezáronse a desenvolver este verán tras obter os permisos pertinentes do Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que autorizou levar a cabo as actuacións só entre os meses de xuño e outubro, cando o caudal do río é menor.
Nesta fase estase a levar a cabo a limpeza do lousado da calzada da ponte cunha rozadoira equipada con fío e de forma manual, empregando ferramentas non agresivas como espátulas, cepillos e vasoiras, eliminando plantas superiores e depósitos de terra sobre as laxas. De xeito manual tamén se realiza a limpeza das zonas verticais e do intradorso do arco.
Unha vez rematados estes traballos e xa co cimbrado da ponte, procederase á súa reparación, que consiste na retirada de xeito manual dos tocos encaixados nas bases do arco para logo proceder ao recheo dos ocos abertos con cantería das mesmas características que o resto da pedra da ponte. As obras contemplan ademais a recolocación das lousas superiores tal e como estaban na súa posición orixinal.
O Concello puxo en marcha un proxecto para a reparación e conservación desta ponte despois de que unha inspección dos técnicos municipais de Urbanismo detectara un importante deterioro debido aos fortes temporais sucedidos durante o inverno, que fixeron aumentar o nivel da auga de xeito acelerado e, principalmente, á existencia de tres árbores de porte medio-grande que tiñan ás súas raíces encaixadas entre as pedras de apoio do arco. Os fortes e intensos ventos fixeron que as árbores traballasen de forma negativa, producindo desprazamentos das pedras e afectando á súa estrutura. Ademais, os altos niveis de humidade de troncos e raíces, que aumentaban de volume ao empaparse, favoreceu o desprazamento da cantería.
Ningún comentario:
Publicar un comentario