28 de set. de 2022

TOMIÑO

O xurado do programa ‘Vilas en Flor’ pon nota á riqueza natural e paisaxística de Tomiño 

Tras un recibimento na Casa do Concello, os tres membros do xurado visitaron algunhas das intervencións mediambientais e dos proxectos de cooperación transfronteiriza levados a cabo no municipio 


Tres membros do xurado do programa Vilas en Flor visitaron este mércores a vila tomiñesa, os cales vemos con Alexandre Pérez Souto - á der. da imaxe -, concelleiro de Obras e Acción Rural
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 O Concello de Tomiño participa nunha nova edición do programa Vilas en Flor de Galicia, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes. Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), tres membros do xurado visitaron este mércores a vila tomiñesa para coñecer os avances do concello en materia medioambiental e paisaxística e achegarse de primeira man a algúns dos proxectos de cooperación transfronteiriza que se están levando a cabo.  

 A visita comezou cunha reunión no consistorio no que se lles amosou as intervencións e proxectos desenvolvidos ao longo do último ano acompañados pola concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro; o de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez; e o de Promoción Económica, Francisco Campo, así como pola paisaxista e responsable dos deseños das novas rotondas da Avenida do Baixo Miño, Sinda Davila, e de técnicos municipais de medio ambiente e cooperación transfronteiriza.  

 Durante o encontro o Concello fixo un balance das melloras realizadas durante o 2021, como un aumento do 28% dos metros cadrados de zona verde con respecto ao ano anterior, o que deixa a Tomiño con case 57.000 m2 de espazos verdes e case 400 novas árbores plantadas dende xaneiro do ano pasado.  

 Concelleiras, concelleiros e equipo técnico presentaron ademais proxectos como a campaña ‘Enche o teu monte de vida autóctona’, na que se regalaban plantas forestais frondosas propias da zona para fomentar a repoboación nas franxas secundarias, as intervencións artísticas nas rotondas ao abeiro do proxecto Cultivando paisaxes.  

 Precisamente estas intervencións nas rotondas foi unha das iniciativas que máis destacou o xurado. Nesta iniciativa a paisaxista Sinda Davila traballou de forma coordinada cos viveiros da comarca e coa Fundación Xavier Pousa para converter as cinco rotondas da Avenida do Baixo Miño nun escaparate da actividade do viveirismo, principal motor económico da vila. 

 Entre outros proxectos, edís e equipo técnico presentaron aos tres membros do xurado tamén a recuperación de espazos públicos para as persoas como no Parque da Feira e na Praza da Mina, actividades como a Semana do Medio Ambiente ‘Tomiño natural’ ou o servizo transfronteirizo piloto de préstamo de bicicletas eléctricas E-Bike Rio Minho.   

 Tras a presentación, xurado e concelleiros e concelleiras saíron á rúa para coñecer de primeira man algunhas destas melloras. Ademais do servizo transfronteirizo  de bicicletas compartidas, que ten unha das súas unidades de préstamo en plena Praza do Seixo, visitaron o parque da Feira e a Praza da Mina, a rúa Calzado Poceiro e as novas rotondas da Avenida do Baixo Miño.   

 Este é o cuarto ano que o Concello de Tomiño participa no certame Vilas en Flor, un programa que pretende por en valor a mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible e a concienciación cidadá no coidado do medio ambiente. Tomiño conta na actualidade con tres Flores de Honra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario