A Guarda vai acoller o obradoiro Social Pilgrims II
• Para a creación de filtros de realidade aumentada para redes sociais
• Terá lugar o 5 de outubro ás 19:30h, na Casa dos Alonso
• Inscricións na OMIX de A Guarda no enderezo electrónico informacion@aguarda.es
Infogauda / A Guarda
A Aula Municipal, sita na Casa dos Alonso, vai acoller o vindeiro mércores día 5 de outubro, ás 19:30 horas, un obradoiro para a creación de filtros de realidade aumentada para redes sociais. A actividade está orientada a un público xeral a partir dos 12 anos.
Esta iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e estará impartida por monitores de Ceo Aberto Divulgación.
Nestas sesións prácticas procurarase familiarizar as/os usuarias/os das principais redes sociais (Facebook, Instagram, TikTok) coas ferramentas de creación de filtros de realidade aumentada (RA) e a súa posterior incorporación aos propios perfís. Asemade, falarase dos riscos de seguridades das redes sociais e daranse pequenas claves de como protexer os nosos contidos ao tempo que optimizamos o rendemento e impacto das nosas publicacións.
Na actividade, que é de balde, poderase inscribir calquera persoa interesada a partir dos 12 anos de idade no enderezo electrónico informacion@aguarda.es da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario