Tomiño prepara un outono de libros
O Mercado municipal acollerá os venres de outubro a presentación de cinco títulos literarios da man de autoras e autores da comarca
Infogauda / Tomiño
O cambio de estación chega a Tomiño cargado de literatura. O Concello organiza o ‘Outono de libros’, unha iniciativa a través da que durante as vindeiras semanas se programarán ata cinco presentacións de títulos literarios da man dos seus autores e autoras, todas e todos escritores locais e da comarca. “Con este proxecto queremos destacar a importancia que ten a creación literaria en todos os xéneros e a calquera idade e facelo dando tamén a coñecer á veciñanza ás e aos novelistas que teñen ao seu carón”, explica a alcaldesa, Sandra González.
As presentacións arrancarán o vindeiro 30 de setembro e prolongaranse todos os venres durante o mes de outubro. Todas serán para todos os público e de balde e celebraranse a partir das 20.00 horas no Mercado de Tomiño.
A rosaleira Antía Fernández Martínez, voluntaria durante anos na OMIX de Tomiño, será a encargada de estrear esta actividade. Será o día 30 coa presentación do seu libro ‘Parias, kellys, rebeldes. Mi periplo por una Grecia cansada’, que recolle a historia da autora, moi ligada á historia da propia Grecia e que comezou tras unha viaxe peculiar, absurda ás veces e case profética á illa de Creta.
O venres 7 de outubro será a quenda de Francisco Álvarez, Koki, que chega coa súa última creación, ‘Aldea Buxán’, un libro singular escrito por un emigrante que recorda o eido orixinario e a el retorna coa memoria cada pouco.
Jorge Cameselle chegará ao Mercado municipal de Tomiño o venres 14 de outubro con ‘El mono poeta. Metamorfosis de un médico e investigador de cáncer de mama’, unha testemuña dirixida ao persoal médico máis novo, ás súas familias e ás súas amizades sobre algunhas das dificultades que tivo que superar durante décadas para compatibilizar o exercicio da medicina clínica coa súa vocación como investigador. Cameselle, que foi médico no centro de saúde de Tomiño, dedicará todo o recadado coas vendas do libro a investigación.
O venres 21 de outubro sobre o escenario do Mercado estará Daniel Pino, destacado sociólogo, veciño da parroquia de Forcadela e homenaxeado no Acto Cívico do Alivio no ano 2016. Presentará ‘As casualidades necesarias’, unha novela que sen chegar a ser coral presenta tipos e arquetipos que esconden e delatan unha fonda introspección sociolóxica sobre o presente e o pasado dun pobo cunha ollada sen complexos na que o positivo e o negativo se entrecruzan nunha interminable relación dialéctica.
O peche deste ciclo literario será o venres 28 de outubro da man de Emilio Estévez, que achegará ao público a súa primeira novela ‘El báculo de San Epitacio. Susana, Susana...’, na que a protagonista realiza unha viaxe á histórica cidade de Tui na procura das orixes da súa defunta nai que lle cambiará a vida para sempre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario