O Rosal vai estrear a súa renovada Praza do Calvario
O Concello inaugurará este sábado día 1 de outubro ás 20.00 horas, un espazo de estancia e lecer transformador
O proxecto contou cun investimento de 1,5 millóns de euros cofinanciados entre Concello e Deputación de Pontevedra e para o que se solicitaron fondos europeos
Infogauda / O Rosal
O
Rosal vai estrear esta fin de semana a súa renovada Praza do Calvario. O Concello
celebrará este sábado día 1 de outubro un acto inaugural aberto á veciñanza que
contará coa presenza da alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e da presidenta da
Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, así como de membros da corporación
municipal, rexedores e rexedoras do Baixo Miño, autoridades e representantes
das asociacións culturais, deportivas e sociais do municipio. “É unha obra
histórica para o noso concello que marca un antes e un despois na forma de
entender os nosos espazos, creando iniciativas e proxectos que nos permitan construír
O Rosal das persoas”, salienta a rexedora, Ánxela Fernández Callís.
O
acto inaugural arrancará ás 20.00 h coa actuación do grupo de baile de Paula
Covián e pecharase, tras a intervención das autoridades, cun concerto da Banda
da Agrupación Musical do Rosal. Tras el a veciñanza poderá desfrutar xa dos
resultados dun proxecto transformador co que o Concello do Rosal deu un paso
adiante na recuperación de espazos públicos de calidade para as persoas,
xerando unha zona de estancia, encontro e lecer de uso polivalente e marcado
carácter peonil que tamén servirá para impulsar o dinamismo comercial da zona.
Tras
oito meses de intenso traballo, a Praza do Calvario preséntase totalmente
transformada despois dunha reforma integral feita con materiais construtivos
que preservaron e potenciaron o carácter patrimonial e arquitectónico
existente, mellorando as condicións de mobilidade peonil e as condicións
ambientais e paisaxísticas da praza, así como todos aqueles elementos que non
se ven pero que son de vital importancia, como a renovación de todas as
canalizacións.
Un
proxecto de mellora e transformación da praza nun espazo público de calidade
que recolle parte da historia do Rosal e que trasladará á veciñanza a finais do
século XIX, cunha praza humanizada no que a sobreira era a árbore protagonista
e na que destacaba o valor patrimonial da contorna.
A reforma
integral da Praza do Calvario contou cun orzamento de 1,5 millóns de euros
cofinanciados entre o Concello e a Deputación de Pontevedra a través do ReacPon,
e para o que o Goberno municipal tamén solicitou axudas europeas nese traballo
de captación de fondos externos para continuar coa transformación do Rosal.
Fernández Callís convida a toda a veciñanza a participar neste acto inaugural e “a desfrutar deste novo espazo que volve poñer en valor un lugar central da vila amable, de convivencia, máis democrático, onde acontecerán cousas, onde a xente poderá relacionarse e gozar da cultura, doo deporte e doutras iniciativas. En definitiva, cambiando o modelo e poñendo ás persoas no centro de toda as actuacións”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario