A XUNTA DE GALICIA E A UNIVERSIDADE DE VIGO COLABORARÁN EN ACCIÓNS DE INVESTACIÓN A PROL DE AVANZAR NA XESTIÓN DA MEXILLA NO LITORAL GALEGO
· O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura dun convenio de colaboración entre ambas entidades co obxectivo de executar o proxecto para o estudo de identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón
· A finalidade desta acción é obter información sobre a evolución do recrutamento de mexilla atendendo á crecente demanda e á explotación responsable dos distintos recursos naturais
· A Consellería do Mar destina a esta acción 79.200 euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a distribuír nas anualidades 2022 e 2023
Infogauda / Santiago de Compostela
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Universidade de Vigo co obxectivo de executar o proxecto para o estudo de identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón e deste xeito obter información sobre a evolución do recrutamento de semente de mexillón (mexilla) nas rochas do litoral de Galicia. Esta acción ten como fin avanzar na xestión da mexilla atendendo á crecente demanda deste recurso e á explotación responsable dos distintos recursos naturais.
A Consellería do Mar apoiará esta colaboración cunha achega total de 79.200 euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a distribuír nas anualidades 2022 e 2023. Dentro dela corresponde ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, a recollida das mostras para posterior envío ao laboratorio de Inmunoloxía da Universidade de Vigo. Estas mostras levaranse a cabo inicialmente en catro puntos, que son Moaña, Bueu, O Grove e na ría de Muros e Noia e, con base nos resultados obtidos o primeiro ano, poderíanse aumentar a outras zonas.
Pola súa banda, a Universidade de Vigo comprométese a realizar as tarefas de identificación e contaxe larvaria, así como de descrición dos estadios larvarios indicando a cantidade de larvas por unidade de volume e mostraxe e en cada un dos estadios larvarios presentes nas mostraxes.
Estes labores sobre o traballo de campo deberán desenvolverse en dous períodos. Un deles rematará en decembro de 2022 e o outro en novembro de 2023, pois o convenio estará en vigor desde a súa sinatura ata o 30 de novembro de 2023, con posibilidade de prórroga, se así o deciden as partes.
Desta colaboración tamén formará parte o Centro de Investigacións Mariñas, dependente da Consellería do Mar, que coordinará e verificará os traballos e que estará na comisión de seguimento que se creará para garantir o cumprimento do convenio e resolver as dúbidas que poidan xurdir.
Este convenio inclúese no labor de investigación e análise que desenvolve a Administración galega para avanzar na xestión da mexilla no medio natural e tamén no seu cultivo e enmárcase na súa aposta por avanzar na explotación sustentable dos distintos recursos mariños. Nesta aposta inclúense outras actuacións nas que traballa a Xunta como o deseño dunha normativa de consenso para actualizar a orde que regula a extracción de mexilla, do ano 2000, e a busca de alternativas para a obtención de semente de mexillón como a posible creación de hatcheries, entre outras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario