1 de set. de 2022

CULTURA

A Cidade da Cultura transforma as Hejduk nun estudio artístico no que a creadora Lúa Gándara recibirá e agasallará ao público cunha obra orixinal  

‘A porta aberta’ é unha intervención artística e vivencial sobre este espazo do Gaiás, onde a artista galega traballará durante un mes, amosando o seu proceso de creación e conversando coas persoas visitantes nun lugar aberto á participación


O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, nun momento do acto de inauguración desta intervención, en presenza da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do director do Encontro de Artistas Novos, Rafael Doctor, e da artista Lúa Gándara

Fotos: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia vén de transformar as Torres Hejduk da Cidade da Cultura nun espazo de creación e estudio artístico a través da intervención A porta aberta, un proxecto vivencial, plástico e performático da artista galega Lúa Gándara (O Porriño, 1988). Durante un mes, este lugar emblemático do Gaiás converterase no seu lugar de traballo e alí recibirá as persoas visitantes, amosándolles o seu proceso de creación, agasallándoas cun debuxo orixinal e ofrecendo a oportunidade de conversar sobre arte e pintura abstracta nun espazo aberto ao diálogo. 

 A porta aberta foi a proposta gañadora do IX Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado en 2021 entre os e as participantes do XI Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN11). O certame conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell e está encadrado na programación do Xacobeo 21-22, tendo como eixo o Camiño de Santiago e o propio fenómeno xacobeo. 


De esq. á der.: Ana Isabel Vázquez, Anxo M. Lorenzo, Rafael Doctor e a artista Lúa Gándara

 No acto de inauguración desta intervención, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, destacou precisamente que “a apertura, o diálogo, o encontro e a creación compartida están na cerna deste proxecto, converténdose en nexos conceptuais de unión co espírito que habita no Camiño de Santiago e no xeito en que a Ruta Xacobea e as terras galegas acollen aos visitantes”. 

 O acto, que foi tamén clausura da duodécima edición do EAN, contou ademais coa participación da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do director do Encontro de Artistas Novos, Rafael Doctor, e dos 40 artistas emerxentes participantes neste EAN12. 

 Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura lembrou tamén que “o Encontro de Artistas Novos– destinado a apoiar valores emerxentes de diferentes disciplinas artísticas– é, ademais dun necesario espazo para o intercambio, o diálogo e a aprendizaxe, un xeito de dar visibilidade á arte contemporánea, ofrecendo para a súa intervención creativa un espazo expositivo non convencional de gran recoñecemento e moi icónico do complexo da Cidade da Cultura, como son as Torres Hejduk”. 

Apoio á arte emerxente

 O director xeral de Cultura indicou tamén que esta intervención “ao igual que todo o traballo de Lúa Gándara, flúe entre o pictórico e o performativo, desborda as fronteiras da técnica para situarse nun espazo onde se abrazan as disciplinas, sendo clave nas súas obras os conceptos de intercambio e diálogo”. 

 Así Lúa Gándara convídanos con A porta aberta ao seu particular laboratorio e universo creativo, nunha analoxía do xeito en que Galicia recibe ás persoas camiñantes e co mesmo espírito de apertura e convivencia. Este estudio artístico efémero continuará a poder visitarse semanas despois da estancia física da creadora nas Torres, exhibíndose ata o vindeiro 8 de xaneiro o corpus visual da obra producida nesta instalación. 

Biografía de Lúa Gándara

 Lúa Gándara (O Porriño, 1988) é unha artista multidisciplinar graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, cun posgrao de Creación Sonora na Universidade de Barcelona e un mestrado de Profesorado en Educación Secundaria na especialidade de Artes e Debuxo. A súa obra plástica foi seleccionada en diversos certames como a 15ª mostra MAC, Museo de Arte Contemporáneo Fundación Naturgy, o Prémio Artistas do Alto Minho e Galiza 2016 da Fundaçao Bienal de Vila Nova de Cerveira, o VIII Premio para Novos Artistas Auditorio de Galicia ou a X Bienal Internacional Pintor Laxeiro, entre outros. Obtivo o Primero Premio Novos talentos luso-galaicos na IX Bienal de Pintura Premio Eixo Atlántico e o Premio Xurado Novo na sección Contemporánea do festival INTERSECCIÓN Contemporary Audiovisual Art Festival (2021). En 2022 estreou a performance Tú nunca podrás cantar con La Juan Gallery nos Teatros del Canal de Madrid.

Ningún comentario:

Publicar un comentario