“Historias de mulleres guardesas”
O Concello de A Guarda entra no outono dando visibilidade a mulleres singulares
• A través de dous roteiros e dúas andainas a institución municipal pretende poñer en valor a figura de diferentes mulleres da vila, tanto anónimas como coñecidas, que destacaron na súa época por rachar cos estereotipos e intentar acadar un espacio dentro dun mundo do que non eran donas.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda, a través da concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), programa para outubro e novembro a iniciativa “Historias de mulleres guardesas”, unha alternativa de ocio cultural e saudable na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns.
Nos roteiros, que terán lugar o 14 e 28 de outubro de 20:00 a 21:00h e que sairán dende a Praza do Reló, falarase dunha serie de mulleres, todas veciñas de A Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi ou como é a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan. O broche destes roteiros poráos o artista Tino Baz cunha intervención musical.
No caso das andainas, que terán lugar o 13 e 27 de novembro de 10:30 a 13:30h e que sairán dende a Alameda de A Guarda (8 km de percorrido e dificultade media), falarase de mulleres de Salcidos e de Camposancos, tendo en conta fundamentalmente os traballos e oficios aos que se adicaban, e lembrando a algunhas persoas que viven ou viviron nestas dúas parroquias, amosando tamén imaxes delas para saber quen foron ou son, as protagonistas destas historias.
As inscricións están xa abertas na recepción do Concello, chamando ao teléfono 986 610 000 ou no enderezo electrónico conserje@aguarda.es
As actividades, subvencionadas pola Deputación de Pontevedra, son gratuitas e as prazas limitadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario