A Guarda continúa a potenciar o Camiño Portugués da Costa
• En marzo creouse a nova marca do Camiño Portugués da Costa e ao longo deste ano repartiranse máis de 5.000 pulseiras de tea entre os peregrinos que se acheguen ata a Oficina Municipal de Turismo
Infogauda / A Guarda
Neste 2022, o Concello de A Guarda, a través da concellería de Turismo vén de pór en marcha diversas iniciativas dirixidas a poñer en valor e potenciar o Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola vila.
Rafael Álvarez Martínez, concelleiro de Turismo, indicou que estas iniciativas serven para continuar atraendo ata A Guarda visitantes e peregrinos, notándose na vila un incremento constante nos pasados meses, o que deixa claro que “o Camiño Portugués da Costa está en auxe e é un dos favoritos dos peregrinos pola fermosura das súas paisaxes”.
Neste senso, no pasado mes de marzo desde o concello de A Guarda lanzouse unha nova imaxe do Camiño Portugués da Costa, como primeiro concello galego deste itinerario xacobeo, oficial dende o ano 2016.
Esta nova marca inclúe as ondas do mar e a cuncha de peregrino coas cores de referencia ao Camiño de Santiago, o amarelo e o azul. Ademais no deseño destaca o azul claro facendo referencia á cor da auga da desembocadura do Miño e da costa atlántica que acompaña ao peregrino.
Esta nova marca converteuse tamén no novo cuño para selar a credencial na Oficina Municipal de Turismo e esta imaxe acompaña nas diferentes campañas de promoción postas en marcha a nivel municipal.
Neste mes de xullo comezou a distribución dunhas sinxelas pulseiras de tela coa marca do Camiño Portugués da Costa. Ao longo deste ano espérase repartir as 5.000 pulseiras a todos os peregrinos e visitantes que se acheguen a Oficina Municipal de Turismo. Esta pulseira tamén se entrega aos grupos convidados.
Están tendo unha excelente acollida polos peregrinos e visitantes xa que o deseño é moi atractivo e representa moi ben A Guarda como primeiro concello galego do Camiño Portugués da Costa.
Un dos obxectivos desta iniciativa é que o nome de A Guarda chegue ao mundo enteiro a través dos peregrinos que realizan o Camiño Portugués da Costa, unha internacionalización na cal se fai partícipes aos peregrinos que nos visitan cada día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario