Tomiño presenta a súa experiencia de compostaxe e coidado medioambiental nunha nova reunión do proxecto BRIDGE
O encontro celebrouse en Bulgaria e Serbia co obxectivo de compartir prácticas socioculturais entre as once vilas transfronteirizas implicadas
Infogauda / Tomiño
As cidades de Slivnitsa (Bulgaria) e Dimitrovgrad (Serbia) acolleron hai uns días a 4ª reunión do proxecto Building Relationships into a Democratic Goal for Europe (BRIDGE). Alí, Ana Belén Casaleiro (concelleira de Medioambiente) e Sandra Alonso Fernández (técnica de Biorresiduos) presentaron a experiencia de compostaxe e coidado medioambiental levada a cabo polo Concello de Tomiño nos últimos anos.
A xuntanza internacional, que foi organizada pola Asociación búlgara de Municipios do Suroeste (ASWM), centrouse nun tema específico: proxectos de éxito no ámbito das actividades sociais, culturais, ecolóxicas e civís. No que respecta a Tomiño, as súas representantes compartiron as actuacións medioambientais do Concello tratando, en primeiro lugar, o Plan de Implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Este plan, producto do proxecto “A axenda 2030, un reto local nun mundo en transformación”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, foi presentado polas tomiñesas como un plan de acción a nivel local que consistiu en: definir liñas estratéxicas para acadar os ODS polos principais actores de Tomiño; implementar un proceso de participación cos axentes locais; deseñar accións para levar a cabo nos vindeiros tres anos e crear os mellores indicadores para analizar o grao de contribución aos ODS.
Por outra banda, tamén presentaron o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible, que ten como obxectivo reducir as emisións de CO2 en, polo menos, un 40% en 2030, e aumentar a resiliencia de cara ao cambio climático. Este plan foi aprobado en Tomiño, en 2020, e está en fase de monitorización, polo que este ano toca a súa primeira revisión (máis información: https://www.pactodelosalcaldes.eu/es/).
A compostaxe foi outro dos puntos importantes tratados. Debido á obrigatoriedade de separar o lixo orgánico dende o 30 de xuño, o Concello animou á veciñanza a tratar os biorresiduos correctamente. Para iso, explicaron que Tomiño participa no programa REVITALIZA da Deputación de Pontevedra, creado en 2016 co obxectivo de transformar a materia orgánica a través da compostaxe.
Tamén trataron a importancia de organizar xornadas de divulgación e concienciación ambiental, dirixídas á cidadanía, que en Tomiño se centra na Semana do Medio Ambiente, organizada para explicar os proxectos que se van realizando dorante o ano, neste eido.
Ana Belén Casaleiro e Sandra Alonso concluíron a presentación dando conta da intención de expandir as liñas de cooperación transfronteiriza, actualizando a Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira–Tomiño (2015), en base ás políticas urbanas da Unión Europea e dos ODS das Nacións Unidas.
Na reunión do BRIDGE participaron tamén representantes da Câmara de Vila Nova de Cerveira e doutros socios do proxecto, ademáis de autoridades públicas locais e nacionais, como a coordinadora da ASWM ou o alcalde da cidade serbia de Dimitrovgrad.
Durante o encontro, realizáronse visitas culturais aos lugares máis peculiares e tradicionais da zona, como a cidade de Sofía, a de Dimitrovgrad, o Mosteiro de Poganovo en Serbia ou o Mosteiro de Rila en Bulgaria.
Nos seus 24 meses de duración, o proxecto BRIDGE foi celebrando distintos eventos nos lugares elixidos durante a fase de deseño: o primeiro en Vila Nova de Cerveira e Tomiño en outubro de 2021; o segundo no condado de Borsod-Abaúj-Zemplén/Rozsnyó Város (Hungría-Eslovaquia) en marzo de 2022; o terceiro en Gorizia/Nova Gorica (Italia-Slovenia) en maio de 2022, e o cuarto en Slivnitsa/Dimitrovgrad (Bulgaria-Serbia) en xuño de 2022. O quinto e último celebrarase en Panevėžys (Lituania)/Daugavpils (Letonia) en setembro de 2022.
Financiado en 2019 pola Comisión Europea e coordinado polo municipio de Vila Nova de Cerveira (Portugal), o BRIDGE forma parte do programa “Europa cos cidadáns 2014-2020”, concretamente do capítulo “Compromiso democrático e participación cidadá”. O seu obxectivo é promover a cohesión social a través das fronteiras, polo que cada unha das once vilas implicadas debe desenvolver prácticas sólidas e eficaces de cooperación para compartilas con outros socios durante as reunións previstas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario