O Rosal vivirá dende hoxe 3 días de cine
As II Xornadas de Cinema celébranse os días 28, 29 e 30 de xullo na Abadía das Eiras
Infogauda / O Rosal
A
asociación Ghorghalado Cultura e Patrimonio organiza en colaboración co
Concello a segunda edición das Xornadas de Cinema do Rosal, unha iniciativa que
pretende achegar ao público rosaleiro unha oferta cinematográfica que non se
atopa nos circuítos habituais.
Os
xardíns da casa rural Abadía das Eiras acollerá a proxección dunha selección de
curtametraxes e documentais que satisfarán aos espectadores e espectadoras máis
esixentes.
Como
novidade, nesta segunda edición celébrase o 1º Certame de Vídeoclips Xuvenís. As
xornadas ábrense coa proxección dunha selección dos traballos presentados e
tralos videoclips, o público poderá desfrutar de cinco curtas e un documental:
‘Siempre a mano’, ‘Las muelas del cuco’, ‘Momentos’, ‘La inquilina’, ‘A última
noite co Tonio’ e ‘Patrimonio habitado’, unha viaxe polo patrimonio da Reserva
da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés na procura de relatos en primeira
persoa de formas de vida, oficios e festexos.
O
venres 29, o público asistente poderá gozar das curtas ‘¿Viejos?’, ‘O que
queda’, ‘Dúas opcións’, ‘Casa bonita’, ‘Mama’, ‘Fantasmas’, e do documental
galego ‘Afranio’, na que o actor Luis Tosar encarna ao siñor Afranio nunha peza
baseada na obra autobiográfica do mesmo nome de Alonso Ríos.
As
xornadas rematarán o sábado 30 de xullo coa proxección de catro curtas
seleccionadas (‘Fils Trencats’, ‘Cocodrilo’, ‘Casa bonita’ e ‘Lurna’) e do
documental galego ‘Negro púrpura’, un retrato da Galicia do século XX a través
dun fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia
tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da cultura e a
economía da época.
Todas
as proxeccións son de balde e ao aire libre, polo que serán a partir das 22.00
horas. Pódese atopar máis información na páxina web das xornadas. A alcaldesa Ánxela
Fernández Callís, convida “a toda a veciñanza a desfrutar desta gran festa do
cine” e agradece á asociación Ghorghalado “o seu compromiso e esforzo por achegar
a cultura dun xeito diferente e ameno ao noso concello”. Segundo a rexedora,
tamén merece unha mención especial a casa rural da Abadía de Eiras “por facer
posible que os rosaleiros e rosaleiras desfrutemos deste espazo único e
convirte as xornadas nun evento aínda máis especial”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario