O concerto de Treixadura pechou unha fin de semana de afluencia histórica no Rosal
As festas de verán do Pilar ofrecían unha ampla programación cultural con actividades para todos os públicos
Infogauda / O Rosal
As
festas de verán do Pilar, celebradas esta fin de semana bateron un récord de
afluencia, especialmente, no concerto de Treixadura, ao que acudiron máis de
1.200 persoas. O grupo, que estivo acompañado pola Banda da Agrupación Musical
do Rosal, ofreceu un espectáculo musical sorprendente no que o público puido
desfrutar do seu xeito tan especial de entender a música tradicional.
Ademais
do prato forte co concerto de Treixadura, as festas ofrecían unha programación
cultural diversa que incluía actividades infantís, deportivas, baile e unha espectacular
exposición de maquetas elaboradas por Praxíteles González Martínez que, como o resto de
propostas, recibiu moitas visitas.
O
domingo tivo lugar, grazas ao club Albatros, de A Guarda, o III Torneo de Xadrez
do Concello do Rosal, unha cita imprescindible que congregou a apaixonados e
apaixonadas deste deporte de todas as idades dende a categoría prebenxamín. A
xornada contou tamén con xogos populares abertos a todos os públicos. E, por
último, e grazas á Asociación Cultural
Xida, tivo lugar unha nova edición do Festival Xente Xida, unha festa para
todas as idades que mesturaba música con raíces e gastronomía.
O
luns 25, as e os rosaleiros puideron gozar do espectáculo de monicreques ‘A
familia unida’ da man de Títeres Mircromina, e do Encontro dos Pobos, o
festival folclórico internacional máis veterano da comarca no que participaron
Do Lusco ó Fusco (A Guarda), o grupo Seixos Albos de Tui e o eslovaco Drevar.
A
alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, agradece ao tecido asociativo o
seu compromiso, pois, segundo explica, “foi un traballo colectivo do Concello
man a man coas asociacións o que fixo posible unha fin de semana chea de
actividades culturais”. Ademais, a rexedora valora positivamente a grande
resposta local: “despois do esforzo na pandemia para manter viva a cultura, a
veciñanza do Rosal respondeu cunha participación histórica e iso haino que
agradecer”.
Tras unha fin de semana intensa, as festas de verán do Pilar remataron co concerto de Treixadura, que bateu todos os récords de afluencia no Concello con máis de 1.200 asistentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario