O Rosal mantén a súa ‘Memoria viva’
O Concello presentará este venres 22 no auditorio municipal (20.30 h) a segunda edición dun proxecto co que se busca salvagardar o patrimonio inmaterial do municipio
Carmen Piedra e Isaac Penela son os protagonistas
O Concello do Rosal continúa salvagardando a súa historia. Este venres 22 de xullo, ás 20.30 horas, no auditorio municipal, presentará a segunda edición do proxecto ‘Memoria viva’, unha iniciativa coa que se procura protexer e manter presente o patrimonio inmaterial do Rosal, así como o coñecemento e a memoria que atesouran as persoas maiores do municipio. Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “non queremos que caia no esquecemento unha parte tan importante da nosa memoria individual e colectiva e dese desexo de conservar as historias que non están nos libros nace Memoria Viva. Seguiremos traballando para recuperar e recompilar as vivencias persoais, momentos históricos, formas de vida... dos nosos veciños e veciñas”.
Nesta
segunda edición, Carmen Piedra Pérez e Isaac Penela Carbajales son os
protagonistas dos dous vídeos que recollen a través das súas lembranzas parte
da súa vida pero tamén as formas de vivir, de pensar, de crecer, de entender as
tradicións e mesmo os costumes de toda unha época. O proxecto complétase con
dous libros de pequeno formato, coleccionables coas entrevistas mantidas con
Carmen e Isaac durante o proceso e que se suman ás de Nemesio Castro e Marcola
González, cos que arrancou o proxecto.
Dende
o Concello quere agradecerse a inestimable colaboración de Carmen e de Isaac,
así como das súas familias, sen as que non sería posible ter chegado a realizar
os traballos de documentación e gravación.
Durante
o acto presentaranse ambos os dous libros do proxecto, así como os dous vídeos
documentais. A presentación será con entrada libre e de balde ata completar
aforo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario