12 de xul. de 2022

O ROSAL

Concello e Agrupación Musical traballan para converter O Rosal nun referente  

Ao abeiro do programa ‘A veciñanza conta’, alcaldesa e agrupación analizaron o traballo realizado durante a pandemia e as iniciativas pioneiras postas en marcha 


  Concello e Agrupación Musical traballan para converter O Rosal nun referente
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello prosegue a rolda de contactos co tecido asociativo ao abeiro do programa ‘A veciñanza conta’ para construír O Rosal do futuro. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, acompañada dos concelleiros de Cultura e de Participación Veciñal, Carlos Villanueva e Ramón Fernández Leal, mantiveron un encontro coa directiva da Agrupación Musical do Rosal no que analizaron os dous últimos anos de actividade, coa crise sanitaria en pleno auxe.

 “O balance non pode ser máis positivo. Durante a pandemia Agrupación e Concello traballamos man a man non só para que a Escola de Música continuara coa súa actividade ou levar a cultura aos barrios, senón que fomos quen de adaptarnos ás circunstancias e mesmo xerar novas iniciativas”, lembra a rexedora. Neste camiño, o Concello reconverteu a planta baixa do auditorio municipal nun escenario de máis de 12 metros cadrados para que a Agrupación Musical puidera continuar coa súa actividade priorizando a saúde.

 Outro exemplo de adaptación e superación é a creación de novos formatos como o festival O Rosal Cámara Fest, un novo xeito de entender a música e dos espazos nos que se desfruta “que queremos que se converta nun festival referente a nivel musical que poña en valor a calidade da nosa música”. E só é un primeiro paso. “Queremos que O Rosal sexa un lugar ao que a veciñanza e a xente de fóra se achegue para gozar de música de calidade que temos no noso municipio en espazos innovadores”, recalca Fernández Callís.

 Concello e Agrupación Musical do Rosal abordaron tamén nesta reunión o camiño para continuar medrando e que, nun futuro próximo, a agrupación poida participar en certames de entidade internacional. A rexedora quixo dar os parabéns a Agrupación por todo o traballo desenvolvido, a súa capacidade de resiliencia, o éxito das actividades que están a desenvolver e a calidade formativa e musical que está a xerar a través da Escola de Música.

 Por outra banda, a Agrupación Musical do Rosal tamén amosou a súa disposición a participar en vindeiras datas no proceso participativo que o Concello porá en marcha ao abeiro da Axenda 2030, coa que se abordarán os retos sociais, ambientais, económicos, culturais ou educativos para un desenvolvemento urbano sostible.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario