28 de xul. de 2022

MAR

ORPAGU SOLICITA O AMPARO DA UE ANTE O ACOSO DE GREENPEACE E ANUNCIA UNHA QUERELA CRIMINAL POLA SUSTRACIÓN DOS SEUS APARELLOS  

Un barco da Organización de Palangreiros Guardeses volveu a sufrir a fustrigación destes “ecoloxistas” e o furto de parte dos seus aparellos, a pesar de estar a faenar legalmente nunha zona autorizada. 

Non é a primeira vez que os barcos da organización reciben o ataque de Greenpeace, que recoñece a legalidade da actividade, pero critica o seu impacto no mundo. 

Os barcos de Orpagu levan a bordo observadores electrónicos e están permanentemente monitorizados, converténdose nunha das frotas máis reguladas do mundo, tanto polas esixencias da UE como polas iniciativas que leva a cabo a organización por vontade propia. 

Orpagu é un exemplo no cumprimento estrito das normas, como queda reflectido nos recoñecementos que recibe de numerosas organizacións e administracións.  

Mar Bermúdez / A Guarda

 Non é a primeira vez que os buques de Orpagu reciben o acoso de Greenpeace co único argumento de que non lles gusta a pesca industrial “polo impacto que xera no ecosistema mariño”. Nesta ocasión, Greenpeace deu un paso máis nos seus ataques a unha frota e uns barcos que faenan de forma legal ao subtraer parte do aparello dun buque, como eles mesmos recoñecen nun comunicado enviado esta mañá aos medios. Por iso, a organización non só se dirixirá á Comisión Europea para pedir o seu amparo ante estes ataques sen fundamento, senón que xa prepara unha querela criminal, ou o procedemento  que máis se adecúe a este feito delituoso, en cuxa redacción xa está inmerso o equipo xurídico da asociación. 

Cámaras a bordo e permanentemente monitorizados  

 Fronte ás falsas acusacións de Greenpeace, Orpagu lembra que todos os seus barcos contan con observadores a bordo, grazas a un proxecto pioneiro que eles mesmos impulsaron en colaboración co Goberno de España e a Comisión Europea. O proxecto Obepal inclúe cámaras en distintas zonas do barco para obter todos os datos da actividade que realiza esta frota. Así mesmo, os buques están permanentemente monitorizados pola caixa azul, que indica onde se atopan faenando en cada momento polo que é imposible pescar en áreas protexidas sen que as autoridades pesqueiras teñan coñecemento deste feito. 

 Unha vez máis, a organización de A Guarda lamenta que Greenpeace realice este tipo de accións contra a frota europea e non contra as embarcacións que realmente practican pesca ilegal (IUU), dabondo coñecidas polos organismos que se dedican a combater realmente esta actividade, que son as  que realmente ocasionan un prexuízo ao medio mariño. 

 Orpagu, a pesar de non contar co eco mediático da organización ecoloxista, non parou de traballar e desde a súa constitución hai 25 anos destacou polo seu traballo a favor da sustentabilidade do recurso e do medio, cumprindo sempre de forma escrupulosa con todas as normas que rexen as pesqueiras de interese dos seus barcos.  

 De feito, Orpagu foi seleccionada pola FAO como exemplo para colaborar nunha guía sobre responsabilidade social na pesca, en cuxa redacción só participaron dúas organizacións españolas e unha delas foi a de A Guarda. 

 Ademais, destacan as actividades que realiza ao longo do ano en colaboración con distintas ONG’s que realmente si se preocupan de incluír ao sector pesqueiro nas súas accións de sustentabilidade. Nesta liña tamén se enmarca a súa aposta por utilizar combustibles ou sistemas máis ecolóxicos  como é o caso da vela ríxida que leva a modo de proba uno dos seus palangreiros. 

 Por todo isto, as familias que conforman a Organización de Palangreiros Guardeses solicitan aos medios que contrasten as informacións facilitadas por Greenpeace antes da súa publicación polo impacto que teñen sobre unha frota respectuosa, legal e concienciada coa sustentabilidade como é a de Orpagu.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario