27 de xul. de 2022

A GUARDA

A XUNTA DE GALICIA EXECUTARÁ A MELLORA DOS ACCESOS E PORÁ EN VALOR A FORTALEZA DE SANTA CRUZ

· O Consello da Xunta aprobou hoxe o informe sobre o acordo de cooperación entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de A Guarda, polo que o departamento autonómico destinará 200.000 euros a esta actuación 

· O financiamento levarase a cabo cos orzamentos da Comunidade galega dentro do Plan Xacobeo Next Generation (Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, Next Generation EU.) 


Vista parcial do exterior da muralla da fortaleza de Santa Cruz (A Guarda)
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 O Consello da Xunta aprobou hoxe o informe sobre o acordo de cooperación entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de A Guarda, polo que o departamento autonómico destinará 200.000 euros á execución da mellora dos accesos e porá en valor a fortaleza de Santa Cruz, situada neste municipio. 

 A través deste acordo, estableceranse as bases de colaboración e cooperación técnica e económica entre Turismo de Galicia e o Concello de A Guarda para que este poña a disposición do departamento do Goberno autonómico os terreos precisos para acometer as obras de dotación de alumeado ecoeficiente da infraestrutura da muralla do castelo, a creación de controis de acceso para a xestión dos fluxos turísticos, a mellora dos accesos e a posta en valor do edificio, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 

 O Concello de A Guarda, pola súa parte comprométese á posta a disposición, libres de cargas e gravames, de todos os terreos precisos, cos usos urbanísticos, para a normal execución das obras, así como os correspondentes permisos e autorizacións necesarias para levalas a cabo. 

 O financiamento das obras levarase a cabo en dúas anualidades, cos orzamentos da Comunidade galega dentro do Plan Xacobeo Next Generation, Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, Nex tGeneration EU, de xeito que en 2022, investiranse 30.000 euros, e no ano 2023, a cantidade de 170.000 euros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario