AS PLATAFORMAS EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA RECLAMAN A SEGUNDA EQUIPA DE URXENCIAS PARA O PAC DE A GUARDA
Plataformas en defensa da sanidade pública de A Guarda, O Rosal e Oia
As Plataformas en defensa da sanidade pública de A Guarda, O Rosal e Oia reclaman á Xunta de Galiza a segunda equipa completa de urxencias para o PAC de A Guarda. Demandan tamén unha ambulancia medicalizada para o Baixo Miño e aumentar as ambulancias asistencias.
Lembran que o acontecido no mes de maio no centro de saúde do Rosal pon de manifesto a necesidade de atender estas reivindicacións, requeridas desde fai moito tempo pola veciñanza dos nosos concellos.
As Plataformas manifestan que de non haber movementos claros por parte da Xunta de Galiza para avanzar na solución deste problema, volverán a chamar a veciñanza a mobilizarse e lembran que o hospital máis próximo está a 1 hora e moitos dos fogares dos usuarios a máis de media hora do PAC da Guarda.
A presión exercida nas rúas obrigou as autoridades da Xunta de Galiza a incrementar a dotación do persoal no Centro de Saúde de A Guarda. No momento actual temos 6 médicos dos 8 que nos corresponden. Lembremos que houbo moitos momentos que tivemos 3. En Oia temos dúas médicas cando durante varios meses tivemos unha soa e houbo momentos en que non houbo ningún. No Rosal persiste a situación inadmisíbel dunha soa médica atendendo a todo o Concello.
Somos plenamente conscientes que imos ter que seguir mantendo a presión para que a Xunta de Galiza aumente as partidas para a Sanidade Pública, nomeadamente para a atención primaria e imos manternos vixiantes ante o previsíbel deterioro que se poda producir este verán. Estamos convencidos/as de que a sociedade debe manter a garda alta porque baixar os brazos equivale a deteriorar aínda máis a asistencia sanitaria que merecemos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario