6 de xul. de 2022

A GUARDA

O concello de A Guarda desbroza a estrada de Circunvalación, diante da inacción da Xunta de Galicia 

A día 6 de xullo, a Xunta de Galicia, aínda non comezou as tarefas de desbroce na estrada de Circunvalación ao Monte Santa Trega co que se produce un aumento da perigosidade na vía. 

O concello de A Guarda comeza o desbroce das zonas máis perigosas diante da inmobilidade da Xunta de Galicia  


O concello de A Guarda comezou o desbroce das zonas máis perigosas da Estrada de Circunvalación, diante da inmobilidade da Xunta de Galicia  
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O concello de A Guarda ten demandado da Xunta de Galicia, en numerosas ocasións, obras de mellora na estrada PO-352, de Circunvalación ao Monte Santa Trega.  

 Estas obras de mellora pasan - segundo o alcalde, Antonio Lomba -, polo ancheamento da estrada e a construción dunha senda peonil e ciclable, para dar seguridade ao vial, tanto para desprazarse a Camposancos e as praias, como para facer deporte”.  

 Á vista -engade Antonio Lomba - do inmobilismo da Xunta diante dunha actuación que ten como fin principal dotar de seguridade viaria unha estrada que resulta perigosa pola súa limitada anchura nalgúns tramos e polas numerosas persoas que a usan, o concello de A Guarda redactou un anteproxecto para a “Senda de Circunvalación ao Monte Trega”.   

 O concello está dando a coñecer este documento en busca de financiamento para esta actuación tan importante para a nosa localidade. Foi entregado a Xunta, está incluído nun plan de Sostibilidade Turística en Destino e mesmo se fixo chegar a demanda a AECT Río Miño en busca de fondos.  

 Todo o anterior cobra especial importancia cada comezo de verán, cando a Xunta, sabendo das deficiencias da estrada de Circunvalación, atrasa o desbroce das súas cunetas e non o executa ata que dende o concello se insiste ata a saciedade e a situación xa é insostible”.  

 Asemade, o alcalde declaraba esta mañá que “este ano, a 6 de xullo, a Xunta aínda non comezou as tarefas de desbroce en Circunvalación. A pesar de que resulta evidente que a situación se volve mais perigosa día a día. Diante desta situación de abandono hoxe mesmo ordenei comezar as tarefas de desbroce das zonas máis perigosas da estrada por conta do concello. Unha vez máis, a Xunta de Galicia fai deixación das súas funcións deixando aos veciños da Guarda sen os servizos aos que temos dereito”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario