27 de xul. de 2022

A GUARDA

Orpagu atopa na hostalería guardesa e en Piueiro os mellores aliados para a XVII Festa do Peixe Espada   

Este venres, 29 de xullo, terá lugar no Concello de A Guarda o acto inaugural do evento impulsado pola Organización de Palangreiros Guardeses, unha festa que se prolongará toda a fin de semana.  


Na presente edición, o peixe espada romperá os límites do porto para chegar ás cociñas de once locais de referencia na Guarda


Mar Bermúdez / A Guarda

 Envorcada como está na posta en marcha da nave de procesado de Tui, que concentra a maioría dos seus esforzos económicos, Orpagu mantén o seu compromiso coa Guarda e non quixo deixar pasar a oportunidade de retomar a Festa do Peixe Espada, tras o parón que supuxo a pandemia nunha das citas máis emblemáticas da localidade. Coa colaboración do Concello, dos hostaleiros e da Asociación Piueiro, a Organización de Palangreiros Guardeses deseñou un programa de tres días no que veciños e turistas poderán gozar de actividades moi variadas. Partindo da degustación en once restaurantes guardeses de diferentes pratos elaborados coa especie estrela que captura a frota para chegar a música en directo, contacontos, singraduras no volanteiro Piueiro, visitas nocturnas ou obradoiros para os máis pequenos. 


Peixe espada á plancha

 

 Na presente edición, o peixe espada romperá os límites do porto para chegar ás cociñas de once locais de referencia na Guarda. En todos eles poderase degustar o tradicional peixe espada á prancha con cachelos, pero cada un dos cociñeiros ofrecerá ademais unha preparación propia: milanesa, empanada, croquetas, escabeche, tartar, zorza, fideos, á mariñeira ou con gambas, son algunhas das presentacións que os visitantes poderán degustar. 

 O pistoletazo de saída da décimo sétima edición da festa terá lugar o venres ás sete da tarde cun acto oficial no Concello de A Guarda, no que se fará entrega do premio ao gañador do Concurso de Carteis, cuxa creación ilustra o programa da festa.  Unha hora despois, celebrarase o concerto de The Tetas’ Van, na Praza de San Bieito.  


O Piueiro estará  moi presente nos actos da Festa do Peixe Espada 
  

 O sábado, as actividades arrincarán ás 11 da mañá cun obradoiro infantil, na Praza Avelino Vicente, a cargo dos membros da Asociación Piueiro. A continuación, haberá sesión vermú, tamén con música e pasacalles para amenizar. De novo Piueiro, coas súas viaxes no barco homónimo ou as súas visitas nocturnas -a partir das 23:00 horas-, e Ma Nunú, con contacontos, tomarán as rendas dun serán tamén moi musical. Por último, o domingo haberá pasacalles ao mediodía e as visitas nocturnas preto de medianoite. Todo co peixe espada sempre moi presente nas mentes e os estómagos dos visitantes.  

 Os restaurantes que colaboran coa festa son Area Grande, Marusia, Trasmallo, Arruaz, Novo Funil, Bitadorna, O Cangrexal, Casa Valladeiro, O Roxo, A Pizzicata e Os Remos. Nomes todos eles moi suxestivos para gozar esta fin de semana dun dos manxares por excelencia cos que traballa e dos que coida Orpagu. Unha vez máis, os palangreiros exercen de orgullosos divulgadores da cultura mariñeira, variada e multiforme, que dá sentido e unidade a eles mesmos e á Guarda enteira. 





Ningún comentario:

Publicar un comentario