12 de xul. de 2022

A GUARDA

Danza e humor danse a man no espectáculo “SOFÁ”

O xoves, 14 de xullo, ás 20:30 horas, no Auditorio de San Bieito  




Infogauda / A Guarda

 A bailarina Marta Alonso e o cómico Pablo Reboleiro únense en "Sofá", unha novidosa comedia que nos fala da rutina diaria, a través das artes do corpo e o movemento, e que chegará este xoves día 14 de xullo ás 20:30h ao Auditorio de San Bieito, de A Guarda.  

 A peza, apta para todo tipo de públicos e idades, de seguro fará as delicias dos amantes do teatro e a danza que hai na Guarda.  

 O espectáculo fala dunha parella e do seu sofá, ese lugar no que descansan e esquecen o que está fóra. A parella son Marta e Pablo, dúas persoas normais. O mundo: traballo mal remunerado, guerra, ameazas nucleares, catástrofes ecolóxicas, virus asasinos invisibles, normas arbitrarias, pobreza, esgotamento. Motivos polos que Pablo e Marta están enfermos de cansazo e aburrimento, pero téñense a unha ó outro, teñen un sofá, e saben bailar. Non todo está perdido   

 O sofá que comeza a función no chan, irase elevando a varios metros de altura, segundo se vai elevando o ritmo do espectáculo. Sen  dúbida unha proposta novidosa, que escolleu A Guarda para facer a súa pre-estrea en espazos non convencionais, sabedores do gusto que ten o noso público polo teatro e a danza de calidade.   

 A peza forma parte da programación MIÚDO VERÁN, do Concello de A Guarda, que cada xoves presenta ante o público guardés unha cita cultural pensada para gozar en familia. De entre as propostas desta programación esta vai dirixida ao público xuvenil e adulto pola temática abordada, aínda que poden acudir acompañados dos mais pequenos que poderán rir coas ocorrencias de Pablo e a danza de humor.  

SOFÁ E MARTA ALONSO TEJADA 

 Marta Alonso Tejada leva mais de 15 anos adicada á danza e as artes escénicas, liderando diferentes proxectos entre o ballet clásico, danza actual, danza en movemento e teatro. No 2020 monta a súa propia compañía co proxecto Bailar Agora, que unifica danza, humor e teatro e agora nos presenta este novo espectáculo na mesma liña e pensado para espazos non convenicionais.  

 Sofá foi creado en residencia artística no Concello de Outes no que realizou a súa estrea no pasado mes de maio. Esta semana terá a súa “posta de largo” no MiT RIBADAVIA (Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia), pero antes recalará na Guarda.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario