O PSdeG-PSOE INAUGUROU A SÚA NOVA SEDE
• Coa participación de militantes, simpatizantes e amigos de A Guarda e de toda a comarca
Infogauda / A Guarda
A Agrupación do PSdeG-PSOE de A Guarda vén de inaugurar a súa nova sede na localidade, ubicada ao igual que á anterior, na rúa Baiona.
"Na inauguración os socialistas contamos cunha ampla presenza de simpatizantes e militantes da Guarda e de toda a comarca, pois estiveron compañeiros das agrupacións do Rosal, Oia e Tomiño, entre outras. Tamén contamos co arroupe de Leticia Gallego Sanromán, Julio Torrado Quintela e Gonzalo Caballero Míguez, deputados no Parlamento Galego, e de Fini Silva, secretaria de militancia da Comisión Executiva Provincial (CEP), así como doutros compañeiros da agrupación socialista de Vigo. O secretario provincial, David Regades, non puido acompañarnos por ter outras responsabilidades pero nos trasladou unha fermosa mensaxe", referíu Mª Monserrat Magallanes Álvarez, secretaria xeral da Agrupación Socialista de A Guarda.
Tamén estiveron na inauguración o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e o exalcalde da localidade, José Manuel Domínguez Freitas.
"A nova sede socialista será - en palabras da secretaria xeral da Agrupación, Mª Montserrat Magallanes -, un espazo aberto non só a militantes e simpatizantes senón tamén aberto á toda a cidadanía guardesa e ás entidades e asociacións da localidade. Un espazo para escoitar a todas as persoas que poidan ter un problema ou unha dificultade, porque o máis importante para os socialistas guardeses son as persoas. E será tamén un espazo aberto a todos aqueles que queiran trasladarnos ideas e participar en política, esta será a sede do debate, da reunión, da reflexión e da xeración das boas ideas".
"Este foi - engadiu a secretaria xeral da Agrupación do PSdeG-PSOE de A Guarda - un día moi emotivo e alegre para todos os socialistas guardeses e todos os que nos acompañaron. A apertura desta nova sede significa maiores oportunidades para a igualdade, para a cultura, para a defensa dunha sanidade pública de calidade, unha garantía de adopción de medidas contra o cambio climático e para a defensa dos dereitos dos máis desfavorecidos".
Finalmente Montserrat Magallanes falou do futuro ao mencionar "a importancia da mocidade na participación en política e do porvir que representan e garanten os novos valores socialistas".


Ningún comentario:
Publicar un comentario