A divulgación tecnolóxica e o coñecemento público do esLibre converten a Vigo no centro neurálxico do software libre
30 relatorios e 18 obradoiros, ademais de catro salas de reunións e seis espazos de misceláneas conformaron o evento que se desenvolveu por primeira vez en formato presencial presencial en Galicia
No evento participaron representantes de entidades e empresas de referencia internacional, como a Fundación Europea de Software Libre ou a compañía Nextcloud.
Infogauda / Vigo
A cidade de Vigo pon o punto e final a dúas xornadas do congreso esLibre, un dos eventos tecnolóxicos e sobre cultura libre de maior relevancia estatal e internacional e que converteu á cidade olívica no centro neurálxico do software, hardware e cultura libres.
As entidades anfitrionas que colaboran na organización co equipo de coordinación a nivel estatal son o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol). Estas organizacións escolleron dous espazos culturais destacados da cidade galega, o Museo Marco e o espazo de eventos Muta, como puntos de acollida das numerosas e diversas propostas e solucións relevantes para a cidadanía, administración pública e empresas. As temáticas abordadas nas dúas xornadas puxeron o foco na actualidade a través da proposicón de solucións mediante software e cultura libres para o aforro na factura enerxética, a loita contra as pandemias, a xestión cultural, o combate contra software malicioso, a seguridade e a protección de datos, así como na sustentabilidade organizacional baseada no Open Source.
Esta é unha edición especial xa que esLibre celébrase en Galicia por vez primeira ao tempo que volve á presencialidade tras a pandemia por covid19. Desta forma, o evento desenvolveuse en formato presencial, pero tamén mixto e contou con 30 relatorios e 18 obradoiros, ademais de catro salas de reunións e seis espazos de misceláneas.
Coñecemento colaborativo
Esta cita deixa un ronsel de expertos e coñecementos colaborativos ás súas costas, grazas ás múltiples temáticas abordadas así como ao carácter formativo e divulgativo de cada unha das actividades. Entre as perspectivas tratadas destaca a optimización do aforro enerxético do proxecto FreeDs, que une un hardware e software libres para xestionar os excedentes enerxéticos nun determinado momento e derivalos para outros usos aportando unha nova perspectiva ante un paradigma de suba de prezos.
Tamén a utilización do Software libre atopou en esLibre multitude de aplicacións co fin de divulgar e promover un coñecemento público no marco da cultura libre. Nesta liña, a utilidade da tecnoloxía abordou, por exemplo, as aplicacións de rastrexo covid implantadas por numerosos países en todo o mundo, entre eles España.
No noso país, a aplicación oficial foi desenvolvida e lanzada con software libre e facilitando a interoperatividade con outros sistemas. O experto e conferenciante Alexander Sander, da Fundación Europea de Software Libre, explicou que “para permitir o seguimento transfronteirizo e poder abrir de novo as fronteiras, estas aplicacións debían ser interoperables. Grazas á nosa presión, conseguimos que a UE e mesmo a OMS pronunciásense positivamente sobre o software libre e dixesen que axuda a protexer os dereitos fundamentais”, sinala.
Outras temáticas relevantes
Esta edición de esLibre inclúe debates e conferencias sobre a situación actual do movemento do software libre en Galicia e outras comunidades como Asturias, ademais de amosar e aportar ferramentas de uso libre tanto para sectores tecnolóxicos específicos como orientadas ao usuario medio, divulgando así a protección de datos e a seguridade que outorga o software libre.
As actividades do congreso tamén se centraron en promover o coñecemento aberto para combater o software malicioso na utilización de sistemas libres como Linux ou como a plataforma Arduino, que incentiva o interese e a práctica en programación por parte do estudantado de ensino secundaria e bacharelato.
O software libre é transversal a todos os sectores da economía permitindo, a través da súa aplicación, protexer os dereitos fundamentais da cidadanía aachegando seguridade e transparencia, que non poden garantir outras solucións privativas de grandes compañías tecnolóxicas. A premisa de “cartos públicos, código público” é a máxima que se repetiu durante todo o congreso.
Outra das conferencias máis esperadas é a que protagonizou Pietro Marini, da compañía Nextcloud, unha plataforma de código aberto que permite ás súas persoas usuarias ter o control sobre os seus propios datos, subidos á súa propia nube particular. Este sistema estase utilizando en produción en centenares de miles de organizacións en todo o mundo, algunhas delas con bases de usuarios masivas.
Obradoiros e actividades formativas
Seguindo a liña divulgativa do congreso, celebráronse múltiples obradoiros e actividades formativas dirixidas a un público xeral para introducirse no mundo das ferramentas do software libre e do coñecemento da cultura libre. Desde a creación dun videoxogo ou avatar 3D ata mesas redondas sobre os perigos da economía da vixilancia actual, foron algunhas das accións que clausuraron un congreso con multitude de propostas intersectoriais.
Actividades
Desde a propia web do congreso esLibre pódese consultar ao detalle os horarios e as actividades que tiveron lugar durante as dúas xornadas do 24 e 25 de xuño, incorporando unha ficha de cada unha delas, con descrición e ata contactos das persoas relatoras.
A asistencia foi libre e gratuíta previa inscrición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario