Tomiño e Vila Nova de Cerveira renovan a súa estratexia común
Ambos os dous concellos celebran reunións con colectivos e entidades socioculturais para definir a Axenda 2030 da Eurocidade
O Centro Goianés e a Biblioteca cerveirense son algúns dos locais que acollerán durante todo o mes de xullo reunións de asociacións e entidades galegas e portuguesas para definir os criterios de actuación conxunta da Eurocidade Cerveira-Tomiño
Fotos; C.T.
Infogauda / Tomiño
Tomiño e Vila Nova de Cerveira continúan a dar pasos para intensificar e ampliar as
liñas de actuación da súa estratexia común. O Centro Goianés e a Biblioteca cerveirense
son algúns dos locais que acollerán durante todo o mes de xullo reunións de
asociacións e entidades galegas e portuguesas para definir os criterios de
actuación conxunta da Eurocidade Cerveira-Tomiño no horizonte da Axenda 2030.
Coincidindo coa Semana do Medio Ambiente, as e os participantes nestes
encontros abordaron, entre outros aspectos, os hábitos de consumo ou produción
máis saudables, as novas funcións ambientais dos espazos rurais, a paisaxe, o
patrimonio e todas as cuestións relacionadas coa protección e posta en valor do
río Miño. Para esta ocasión a Eurocidade reuniu como relatoras a académicas e
profesionais con experiencia nos campos da antropoloxía, da enxeñería
ambiental, da bioloxía ou da economía aplicada.
Entre as e os asistentes a estas primeiras
reunións contouse con asociacións profesionais e de comerciantes, representantes
do sector agrícola ou hostaleiro e asociacións culturais e medioambientais. O
programa incluíu tamén un xantar, con menú de degustación de produtos locais,
no que colaboraron desinteresadamente diferentes empresas agrupadas na
Asociación de Cultivos Baixo Miño, así como produtores locais.
Este proceso participativo, que dá continuidade
ás reunións celebradas xa o pasado mes de abril con colectivos xuvenís,
analizará ao longo do mes de xuño catro aspectos estratéxicos das políticas
públicas: a economía circular e relacións urbano-rural, o desenvolvemento
territorial e dinamización dos recursos endóxenos, a conectividade e a transición
dixital e a cidadanía e a igualdade. A Eurocidade Cerveira-Tomiño xa ten
planificados novos encontros para debater arredor da mobilidade e transición
dixital ou políticas sociais relacionadas coa igualdade de xénero ou o
envellecemento activo.
A Eurocidade Cerveira-Tomiño pretende así ampliar
as súas liñas de actuación, promovendo unha actualización da Axenda Estratéxica
Amizade Cerveira Tomiño (2015), en base ás políticas urbanas da Unión Europea e
aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS) das Nacións Unidas, e a
través dun proceso participativo que identifique prioridades e accións que leven á promoción da cohesión ambiental,
social e económica deste territorio transfronteirizo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario