Tomiño remata o seu percorrido polas parroquias cun balance positivo e novas ideas
Máis de 450 persoas participaron nunha nova edición do programa ‘O Concello escoita’, que busca implicar á poboación na gobernanza do municipio
Infogauda / Tomiño
Grande acollida da nova edición do programa ‘O
Concello escoita’, unha iniciativa que regresou ás parroquias tomiñesas tras o
parón obrigado pola pandemia. O Concello de Tomiño retomaba así o seu
percorrido polo municipio con 15 encontros celebrados nas últimas tres semanas
nos que se xeraron espazos de conversa entre o goberno local e a poboación nos
que a veciñanza achegou as súas inquedanzas e ideas, propuxo melloras ou compartiu
opinións en positivo que axuden a deseñar un futuro mellor para Tomiño.
Máis de 450 persoas participaron nestas citas que
comezaron o pasado 30 de xuño en Santa María de Tebra e Vilameán para percorrer
despois Taborda, San Salvador, Amorín, Currás, Figueiró, Estás, Piñeiro,
Sobrada, Pinzás, Barrantes, Forcadela e rematar a mediados de xullo en Tomiño e
Goián. “O balance non pode ser máis positivo. Gobernamos sempre cunha escoita
activa e moi preto dos nosos veciños e veciñas, pero todas e todos botabamos en
falta esa interlocución directa e aberta para poñer en común os pasos que
estamos dando cara o futuro e poder pensar xuntos e xuntas no Tomiño que
queremos”, explica a alcaldesa, Sandra González.
Durante estes encontros, rexedora e equipo de
Goberno debullaron á veciñanza os proxectos máis importantes que se levaron a
cabo ou que están en marcha no municipio nun ambiente distendido, cómodo e
agradable, propicio para a conversa. “Despois de dous anos sen poder celebrar
un dos nosos programas máis emblemáticos, a xente tiña moitas gañas de
participar”, asegura Agustín González, concelleiro de Participación Veciñal e
Lecer.
O concelleiro destaca “a gran cantidade de ideas
e de novas iniciativas propostas polas persoas participantes e que sen dúbida
permitirannos seguir camiñando cara un futuro no que todas as nosas parroquias
seguirán mellorando”. “Rematamos estas tres semanas de encontros moi contentos
e orgullosos de todo o que levamos feito e convencidos de que é a liña a
seguir”, salienta.
Dende o Concello quérese agradecer o seu tempo, o
seu interese e as súas achegas a todas as persoas que participaron no ‘Concello
escoita’, un programa que continuará celebrándose en vindeiras ocasións para deseñar
entre todos e todas o Tomiño do futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario