Tomiño pon en valor o seu patrimonio románico con concertos líricos e de música medieval
O concello posúe catro ricos exemplos da arte do século XII nas parroquias de Santa Mª de Tomiño, San Salvador de Tebra, Santa Mª de Tebra e Barrantes
Infogauda / Tomiño
Dentro da axenda de
verán do Concello de Tomiño, destaca con luz propia o ciclo “Música e
Románico”, organizado por primeira vez dende a Concellalía de Cultura, co fin
de pór en valor o importante patrimonio histórico artístico que representan as
igrexas de época románica situadas en catro parroquias do municipio (Santa Mª de Tomiño, San Salvador de Tebra,
Santa Mª de Tebra e Barrantes).
Catro templos do século XII para catro grandes concertos de música lírica
galego-portuguesa e cantigas medievais. Como complemento, especialistas
en Historia da Arte, brindarán ao público unha breve explicación previa das
principais características do templo que albergue o evento musical. “Deste
xeito, combinamos historia, arquitectura e música, lembrando a riqueza
patrimonial que temos en Tomiño”, explica Ana Isabel Fernández Carrera, concelleira de
Cultura.
No caso das parroquias de San Salvador e Santa María de Tebra, o
encargado de ofrecer a reseña histórico-artística será o párroco José Luis
Blanco, estudoso da arquitectura románica. Pola súa banda, Sara Quintana,
licenciada en Historia da Arte, ocuparase de introducir as igrexas de Barrantes
e Santa Mª de Tomiño.
I naugurando o ciclo “Música e Románico” e tamén o mes de xullo, Laura La Montagne & Picoamperio será a encargada de ofrecer o primeiro dos concertos (Igrexa románica de San Salvador de Tebra, venres 1 de xullo ás 20.30 horas). Cunha tradición galego-portuguesa das “cantigas de amigo”, o seu imaxinario destruirá fronteiras temporais e estilísticas, dentro dun proxecto que mestura hip-hop e folclore.
A segunda das citas virá da man de “Esperanza Mara”, soprano noiesa que traerá a Tomiño unha proposta musical baseada nas cantigas medievais e pre-renacentistas (15 de xullo. 20.30h. Igrexa Románica de San Vicente de Barrantes.
O 22 de xullo a cita será na Igrexa románica de Santa Mª de Tomiño (20.30h), con “Parbö”, dúo formado por Anxo Pintos e Begoña Riobó, que nos achegarán unha proposta na que mesturan patrimonio e música. Os instrumentos que usan son a zanfona, a arpa céltica e o violín cun repertorio baseado na música tradicional.
E pechando este ciclo tan especial “Treides comigo!”, con Xoán Curiel, un dos artistas multidisciplinares da Fonsagrada, que leva participado no mundo das artes como actor, músico e cantante, acadando numerosos premios. A súa proposta está creada a partir de cantigas medievais compostas por trobadores galegos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario