A asociación coruñesa agradece o empeño do Grupo por contribuír a mellorar a calidade de vida dos enfermos
HM HOSPITALES RENOVA O SEU CONVENIO DE COLABORACIÓN CON ALCER CORUÑA
• Ambas as dúas entidades promoverán actuacións conxuntas para proporcionar unha atención integral aos pacientes con patoloxías renais e aos seus achegados
• Recentemente HM Hospitales e Alcer Coruña organizaron dúas mesas informativas en HM La Esperanza con motivo da celebración do Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos
Aitana Iglesias Márquez / Santiago de Compostela
HM Hospitales renovou por segundo ano consecutivo o seu convenio de colaboración con Alcer Coruña (Asociación para a Loita contra as Enfermidades de Ril), demostrando unha vez máis o seu compromiso cos pacientes galegos aqueixados de patoloxías renais. O acordo entre ambas as dúas entidades, iniciado en 2021, busca promover actuacións conxuntas que faciliten a vida dos pacientes e as súas familias, crear conciencia social sobre un problema de saúde cuxa prevalencia se disparou un 30% na derradeira década e proporcionar información a presentes e futuros doantes.
Grazas ao acordo selado entre ambas as dúas entidades e á dotación económica aportada por HM Hospitales, que ascende a 6.000 euros, proporcionarase unha atención integral aos pacientes, tanto na esfera sanitaria, a través dos profesionais de HM La Esperanza, como na social co apoio dunha traballadora social, unha terapeuta ocupacional e numerosos voluntarios da asociación.
A directora médica de HM Hospitales en Galicia, Dra. Pilar Múgica, destacou “o compromiso que dende o noso grupo hospitalario temos coa sociedade galega, como queda demostrado unha vez máis co importante apoio que damos a Alcer Coruña e, por ende, a todos os pacientes aqueixados de patoloxías renais e aos seus familiares”.
Para Alfredo Saborido, ao frente da asociación coruñesa, a colaboración entre ambas as dúas entidades “responde a obxectivos e necesidades conxuntas, unha guerra a dúas bandas contra un problema que excede o ámbito sanitario pola necesidade de moitos pacientes de desvincularse do mercado laboral e, mesmo, precisar axuda externa para levar a cabo tarefas básicas da vida diaria como o aseo ou a asistencia a citas médicas”.
Conforme ás estatísticas manexadas pola SEN (Sociedade Española de Nefroloxía), Galicia colócase como a cuarta autonomía en incidencia de ERC (enfermidade renal crónica) a nivel estatal, concentrando a máis de 4.000 pacientes que precisan tratamentos de diálise e/ou trasplantes para suplir a deficiente función do seu órgano. Unha casuística que, ademais, viuse especialmente agravada pola irrupción da pandemia, dada a vulnerabilidade do colectivo ante o virus pola inmunosupresión e as dificultades de asistencia a centros sanitarios.
Detrás deste importante aumento atópanse condicións como a diabetes, as enfermidades cardiovasculares, o sobrepeso, a hipertensión arterial e o tabaquismo, responsables de catro de cada dez novos diagnósticos de ERC. Un contexto onde, para Alcer, a prevención e a información resultan fundamentais, dado que a taxa de infradiagnóstico cífrase en ata o 40% dos casos.
Mesa informativa
Recentemente e con motivo do Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos HM Hospitales e Alcer Coruña instalaron dúas mesas informativas sobre saúde renal en HM La Esperanza, coa que se buscaba concienciar acerca da importancia duns hábitos de vida saudables e da importancia da doazón para os enfermos.
HM Hospitales
HM Hospitales é o grupo hospitalario privado de referencia a nivel nacional que basea a súa oferta na excelencia asistencial engadida á investigación, á docencia, á constante innovación tecnolóxica e á publicación de resultados.
Dirixido por médicos e con capital 100% español, conta na actualidade con 5.000 traballadores laborais que concentran os seus esforzos en ofrecer unha medicina de calidade e innovadora centrada no coidado da saúde e o benestar dos seus pacientes e familiares.
HM Hospitales fórmano 42 centros asistenciais: 16 hospitais, 4 centros integrais de alta especialización en Oncoloxía, Cardioloxía, Neurociencias e Fertilidade, ademais de 22 policlínicos. Todos eles traballan de maneira coordinada para ofrecer unha xestión integral das necesidades e demandas dos seus pacientes.
Actualmente, HM Hospitales en Galicia dispón de 4 hospitais con máis de 250 camas e 23 quirófanos que responden a todas as especialidades médicas e cirúrxicas, e conta coa máis avanzada tecnoloxía de diagnóstico por imaxe. Destacan a UCI de adultos e neonatal, os servizos de urxencias 24 horas e urxencias pediátricas, a medicina nuclear e HM Fertility Center entre outros. Estes recursos engádense aos do resto do grupo no conxunto de España, todos eles coa maior cualificación técnica e humana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario