O persoal do Servizio de Asistencia no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas convoca protestas para reclamar melloras laborais e do servizo
Chama a veciñanza a participar nas concentracións que terán lugar todos os mércores de xuño diante do consistorio ás 14:00 horas
Infogauda / Ponteareas
As traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio (SAF) do Concello de Ponteareas veñen de anunciar a convocatoria dun calendario de mobilizacións para reclamar melloras laborais que permitan unha atención de calidade ás persoas usuarias. Dende a representación sindical chaman a veciñanza a participar nas concentracións que terán lugar todos os mércores do mes de xuño diante do consistorio ás 14:00 horas.
Segundo explican dende a CIG, a privatización do servizo, de cuxa xestión se encarga a empresa Samaín Servizos á Comunidade, do grupo Clece, traduciuse nunha precarización das condicións de traballo, de xeito que “nin se cumpren os dereitos laborais básicos”. Neste senso, denuncian o abuso que a compañía fai das xornadas parciais.
“A empresa modifica constantemente a xornada das traballadoras, até tres veces no mesmo mes, polo que as empregadas non saben o que van gañar ao mes seguinte nin se vai ser suficiente para o sustento das súas familias”. Ademais, moitas xornadas están mal calculadas, xerándose horas traballadas e non cobradas. E a pesar de que a representación sindical leva case un ano solicitando os rexistros de xornada, até o día de hoxe aínda non foron entregados.
De igual xeito, prodúcense constantes incumprimentos en materia salarial. Así, indican que o convenio galego de sector leva 11 anos sen negociarse por decisión da patronal, que buscou a súa caducidade. Existe unha sentenza de 2013 obriga as empresas a actualizar as percepcións económicas segundo o IPC anual, “pero neste servizo nunca se aplicou, de forma que as traballadoras levan 11 anos percibindo o importe do seus pluses ao mesmo prezo”.
Ao mesmo tempo, este ano a empresa decidiu non aplicar a revisión do IPC do ano 2021, fixada nun 6,5%. “No contexto actual, e cunha xornada parcial, é insostíbel levar teu coche polas parroquias ingresando só 0,18 euros por quilómetro e cobrando unicamente os servizos consecutivos”. En consecuencia, atopámonos con “traballadoras que perciben salarios de miseria e que co seu vehículo particular están a financiar un servizo público do que se beneficia unha empresa privada”.
No servizo tampouco se cumpren os descansos mínimos establecidos pola lei, xa que as compañeiras que traballan en fin de semana só descansan dous días de cada 15. E as xornadas continuadas superiores a seis horas non contan co seu tempo de descanso para o bocadillo, “por non falar de que hai servizos que rematan ás 21:00 horas e ao día seguinte comezan outros ás 8:00 horas, polo que non se respectan as 12 horas de descanso”.
Outra problemática ten que ver coa saúde laboral: non existe un sistema efectivo de vixilancia da saúde das traballadoras, obrigando a realizar o seu labor en domicilios insalubres e tendo que mover doentes encamados en solitario, o que provoca accidentes e enfermidades que nin sequera son recoñecidas como laborais, cunha total desatención ao risco psicosocial.
“Este é o trato que reciben as traballadoras que atenden os coidados básicos para a vida diaria das persoas dependentes de Ponteareas. Compañeiras que son a primeira liña de atención nos servizos sociais, que en solitario, casa por casa, afrontan e resolven situacións de enfermidade, necesidade e abandono.
Traballadoras esenciais que coidan da vida das persoas e son tratadas como lixo, sen o máis mínimo recoñecemento dos seus dereitos laborais, incumprimentos que son fonte inesgotábel de beneficios a conta dos cartos públicos e da miseria de persoas traballadoras e usuarias”.
De todo isto responsabilizan a Xunta de Galiza e o Concello de Ponteareas, “que levan anos limitándose a licitar un concurso a baixo prezo, un proceso que non supón máis que unha poxa que precariza as condicións laborais das súas veciñas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario