O PSOE de Oia obriga á alcaldesa a suspender o pleno extraordinario que intentou convocar ocultando información á oposición
Os socialistas obrigan á alcaldesa a aprazar os seus plans para executar directamente dende a Alcaldía a adxudicación “a dedo” das obras da Praza de Burgueira
Infogauda / Oia
A Agrupación Local do PSdeG-PSOE de Oia, vén de facer público o seguinte comunicado de prensa:
“O grupo municipal socialista de Oia obrigou á alcaldesa de Oia, Cristina Correa, a dar marcha atrás na súa intención de celebrar un Pleno extraordinario o pasado xoves, día 23, para tratar delegar na Alcaldía as competencias sobre contratación e así manexar ao seu antollo a adxudicación das obras da Praza do Campo, en Burgueira, arrebatando deste xeito, e na recta final do mandato municipal, as competencias que vén exercendo o propio Pleno.
O grupo socialista, liderado por Gerardo Rodríguez Refojos, presentou un escrito o mércores, na véspera do Pleno, advertindo do risco de nulidade de todos os acordos adoptados e da propia convocatoria. O Pleno tiña sido convocado ás 06:44 da mañá do martes, día 22, sen xuntar nin poñer a disposición da oposición todos os expedientes incluídos na orde do día. No seu escrito, o voceiro socialista advertiu expresamente da súa vontade de impugnalo Pleno. A alcaldesa non tivo outro remedio que suspendelo e paralizar así temporalmente os seus plans para adxudicar ela mesma as obras da Praza de Burgueira. A alcaldesa, que ten moita présa neste asunto, xa convocou un novo Pleno extraordinario para o próximo 5 de xullo, porque entende que non pode agardar pola sesión ordinaria.
Os socialistas esixen a máxima transparencia, dado que falamos da principal obra que se vai acometer en Oia. E, como sempre, será gracias ao apoio regrado e incondicional da Deputación para tódolos concellos da provincia. A obra está financiada polo plan provincial ReacPon, que achega nada menos que 241.081 euros dos 267.867 euros en que se licitou esta obra. “As presas e as chapuzas administrativas da alcaldesa van en contra da limpeza nun proceso de contratación que debe ir polas mesmas canles que foron ata agora tódalas adxudicacións”, recalcan dende o grupo socialista.
O grupo socialista considera extremadamente sospeitoso que a mesa de contratación propuxera a adxudicación das obras á terceira clasificada das cinco empresas que se presentaron no procedemento de licitación. A oferta máis vantaxosa dende o punto de vista económico e coa mellor puntuación foi descualificada alegando unha baixa temeraria coa que a empresa non está conforme. Ademais, a segunda mellor oferta tampouco se ten en conta, posto que a proposta de adxudicación, que a alcaldesa pretende realizar a dedo, unha vez que se atribúa as competencias como órgano de contratación, apunta á terceira empresa, que presentou unha oferta 50.000 euros máis cara. Todo isto, destacan dende o grupo socialista, apunta a inseguridade xurídica e posibles recursos.
O grupo que lidera Gerardo Rodríguez recalca que no medio do procedemento de adxudicación da principal obra dun mandato que, por outra parte xa está na recta final, resulta inconcibible cambiar as regras que rexeron a adxudicación das obras en Oia. Máis aínda cando a proposta da mesa de contratación é controvertida e parece responder a intereses para adxudicala obra a unha firma concreta. ¿Qué intereses hai detrás de todo isto?, pregúntase.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario