Unha unidade móbil de doazón de sangue estará no Rosal o vindeiro 4 de xullo
Estará situada na rúa Ramón Franco, 4, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 h. Pódese pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828
Infogauda / O Rosal
O Rosal
recibirá no mes de xullo unha nova visita dunha das unidades móbiles da
Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no
concello o vindeiro luns 4 para todas aquelas persoas que desexen
achegar a súa pinga de solidariedade. O autobús estará situado na rúa Ramón
Franco, nº 4, fronte á sucursal de Abanca, e os rosaleiros e rosaleiras poderán
doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar cita previa
chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.
Aínda
que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se
achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue,
recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas
respiratorios. Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e
deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de
xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de
doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de
estar tomando algún medicamento.
Ademais
das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén
abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de
doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as
necesidades diarias. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de
sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas
persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes
de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia,
transplantes de órganos...
Ningún comentario:
Publicar un comentario