27 de xuño de 2022

BAIONA

A Xunta de Galicia ampliará as prazas dispoñibles no centro de día público de Baiona  

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe as instalacións 

Incrementarase a oferta deste servizo ata practicamente a súa máxima capacidade, que son 40 usuarios


Perfecto Rodríguez aproveitou a visita ao centro de día de Baiona para asistir á presentación das chamadas `mochilas sensoriais`, xunto co alcalde do concello de Nigrán, Juan Gómez, e outros representantes da Mancomunidade

Foto: X.G.

Infogauda / Baiona

 A Xunta de Galicia ampliará o número de prazas dispoñibles no centro de día público para persoas maiores de Baiona. Avanzouno hoxe o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, durante unha visita a estas instalacións ás que asisten diariamente 25 usuarios. 

 Perfecto Rodríguez explicou que o Executivo autonómico vén de iniciar os trámites para ampliar o número de prazas operativas no centro, co fin de incrementar a súa oferta ata practicamente a súa máxima capacidade, que é de 40 prazas. Ao respecto, sinalou que con esta medida poderase atender a más familias dos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar, que conforman a Mancomunidade do Val Miñor, e que teñen interese en que os seus maiores se beneficien dos coidados e a atención integral que se presta neste equipamento. 

 Así mesmo, o xerente do Consorcio sinalou que os centros de día da rede pública da Xunta funcionan desde hai meses con normalidade. Unha vez deixados atrás os momentos máis duros da covid-19, os centros retomaron as súas actividades habituais e co retorno aos mesmos de moitos usuarios que decidiron quedar nas súas casas durante a pandemia. 

Mochilas sensoriais

 Perfecto Rodríguez aproveitou a visita ao centro de día de Baiona para asistir á presentación das chamadas `mochilas sensoriais`, xunto co alcalde do concello de Nigrán, Juan Gómez, e outros representantes da Mancomunidade. 

 Trátase dun dispositivo que permite ás persoas xordas ou con dificultades auditivas percibir a través de vibracións a intensidade e ritmo da música. Os maiores do centro tiveron a oportunidade de probar este dispositivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario