16 de xuño de 2022

O ROSAL

A caldeira de biomasa da Escola de Pancenteo, xa instalada  

O Concello recepcionou xa o novo sistema de enerxía limpa instalado nesta escola, que permitirá un aforro de consumo de entre o 40 e o 50%


O Concello vén de recepcionar as obras de instalación da caldeira de biomasa para a produción de calefacción mediante combustible de pellet de madeira na Escola Unitaria de Pancenteo

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal continúa camiñando para converterse nun municipio máis sostible. O Concello vén de recepcionar as obras de instalación da caldeira de biomasa para a produción de calefacción mediante combustible de pellet de madeira na Escola Unitaria de Pancenteo, unha renovación que irá unida á da caldeira da Casa Consistorial, xa en marcha.

 “Con estas obras de mellora dende o Concello buscamos que estes dous edificios catalogados por Patrimonio conten con instalacións máis respectuosas co medio ambiente. Empregar esta nova fonte de enerxía non só permitirá reducir as emisións de CO2 á atmosfera, senón que tamén favorecerá a eliminación de materiais residuais debido ao tipo de biomasa empregada. Ademais permitirá unha redución do consumo de entre o 40 e o 50%”,  sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

 Trátase dos primeiros pasos cara á transformación paulatina do sistema de calefacción de todos os edificios públicos rosaleiros, nos que se irá pasando do emprego de combustibles fósiles a outras formas de enerxía renovables. Tras un estudo pormenorizado do estado actual dos sistemas de calefacción das instalacións públicas, o Concello decidiu comezar esta transformación por estes dous edificios ao contar coas caldeiras máis obsoletas de todas, xa ao final da súa vida útil.

 As obras de instalación da caldeira de biomasa da Escola de Pancenteo contou cun investimento de case 31.000 euros, cofinanciados ao 25% con fondos propios do Concello e ao 75% polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario