Presentado o proxecto de reforma estética da Praza de Abastos
Que para a súa materialización contará con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
Infogauda / A Guarda
O Goberno municipal do Concello de A Guarda vén de facer público que “na tarde de onte, o alcalde Antonio Lomba e os responsables do estudo Iván Cotado, presentaron ás praceiras e praceiros o proxecto de reforma estética da Praza de Abastos. Un proxecto que contará para a súa materialización con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.”
O alcalde de A Guarda fixo a introdución á presentación que faría posteriormente o responsable do estudo de deseño encargado do proxecto de reforma, e destacaba que “con esta fase culmínanse as obras de mellora deste espazo comercial tan emblemático da vila.”
Tamén trasladou aos praceiros e praceiras presentes que “se están ultimando os detalles para sacar a licitación os postos que están sen adxudicar na actualidade, e que sairán a concurso en condicións moi vantaxosas que podan facilitar o máximo posible que novos/as emprendedores/as se instalen no mercado. Esta é outra das accións que o equipo de goberno considera chave para revitalizar o mercado.”
Estudio Iván Cotado, de A Coruña, que acuñou e rexistrou o lema comercial “INteriorismo EStratégico®”, que engloba márketing e interiorismo e que ten como obxectivo captar e explotar a verdadeira identidade diferencial dos negocios para así deseñar espazos que falen o mesmo idioma da clientela; foi o elixido polo Equipo de Goberno municipal de A Guarda, para desenvolver este proxecto.
Tanto para o Concello como para os deseñadores “o mercado é un lugar cunha condición de edificio público e de tránsito que debe potenciar o encontro e a sociabilidade. Ao tratarse dun espazo cun marcado carácter funcional e loxístico, o reto estaba en ser quen de converter o mercado nun espazo máis humano, que puxera en valor o produto para converterse nun referente comercial e social do Concello de A Guarda a través da súa revitalización comercial, pero sen perder a esencia do mesmo.”
Segundo se deu a coñecer, “as principais actuacións do proxecto serán:
- A “limpeza” da estrutura do cableado, cartelaría e demais engadidos feitos ao longo dos anos, co obxectivo de reordenar todos os elementos que distorsionan a arquitectura e se substituirán os elementos de mobiliario existentes para que vaian acorde á nova intervención.
- Utilizar a iluminación como elemento que organiza os espazos e potencia os produtos. Uso de proxectores para poñer o foco no produto e iluminar de xeito lineal para bañar de luz as zonas de estancia.
- Mellora da organización espacial. Tómase a idea actual das cores que organizan as distintas áreas do mercado, e se amplían para crear novas áreas de descanso. Créase unha nova orde con zonas de tránsito e de descanso, utilizando a cor de xeito sutil e elegante.
- Introdución de vexetación como elemento de vida que rexuvenece ao mercado, o fai máis amable e atrae a novos tipos de clientela.
- Xeración de espazos para favorecer a socialización e potenciar o mercado como “praza cuberta”.
As persoas interesadas en coñecer o proxecto poden achegarse á planta alta do Mercado onde se encontran expostas as infografías do mesmo.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario