Ocio educativo e nocivo na infancia, última charla este curso do ‘Educando en familia’
O programa posto en marcha polo Concello do Rosal continúa este venres 17 de xuño ás 19.00 h no Centro Social Polivalente coa participación da educadora social Angelina Gándara
Infogauda / O Rosal
O
programa ‘Educando en familia’ chega ao seu fin este curso escolar cunha nova
charla coa que continuar dando resposta a moitas das inquedanzas coas que día a
día se atopan nais e pais rosaleiros. A educadora social Angelina Gándara, de
AGA Formación, pechará o ciclo de charlas este venres 17 de xuño falando cos
pais e nais sobre o ‘Uso do lecer na infancia: ocios educativos e nocivos’.
Con
esta charla invitarase a todas as persoas participantes a reflexionar sobre
temas como a saturación de axendas das crianzas e a hiperestimulación,
afondarase sobre o que son ocios educativos e nocivos e destinarase un apartado
destacado á importancia dun uso responsable das pantallas.
Con
este encontro péchase unha programación “coa que se abordaron temas moi
variados sobre a educación e a crianza e que permitiron achegar ás familias
ferramentas prácticas para a vida cotiá”, como explica a alcaldesa, Ánxela
Fernández Callís.
A charla
será ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata
completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa a través da
web do Concello para reservar
praza. Co obxectivo de facilitar a asistencia das familias a estas charlas,
ofertarase un servizo de canguro cun mínimo de 5 prazas cubertas para o que si
é necesario reservar e confirmar asistencia.
A
rexedora anima a toda a veciñanza a participar neste último encontro deste
programa municipal co que se busca “apoiar a todas as familias rosaleiras que
están en plena crianza, unha tarefa complexa que pode xerar moita inseguridade
e medos en todos os pais e nais”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario