15 de xuño de 2022

A GUARDA

A Guarda Diversa volve a celebrar o Orgullo por terceiro ano consecutivo   

A concellería de Igualdade, o CIM de A Guarda e Transformando Realidades, organizan do 28 de xuño ao 1 de xullo o evento “A Guarda Diversa”, unha ocasión especial para celebrar o Orgullo e continuar dando visibilidade ao colectivo LGTBIQ+.  

 

O alcalde de A Guarda coa concelleira de Igualdade, a responsable do CIM de A Guarda e Ana Silva Uris, de Transformando Realidades, na presentación do programa desta edición de “A Guarda Diversa”

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda aposta por continuar seu apoio á visibilidade do colectivo LGTBIQ+. Dese xeito, volta o evento “A Guarda Diversa”, promovido pola concellería de Igualdade, o Centro de Información á Muller (CIM) de A Guarda e a entidade Transformando Realidades. 

 As actividades arrancarán na xornada do martes día 28 de xuño, coa colocación da bandeira do colectivo e coa publicación na web municipal e nas redes sociais do Manifesto a cargo do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz.  




 A parte central das actividades terá lugar entre o 30 de xuño e o 1 de xullo, e arrancará o xoves 30 ás 19:00h na praza do Reló coa Mesa Redonda “A nosa Memoria tamén é diversa”. As persoas que participarán nesta mesa serán Eva Mejuto, escritora e activista LGTB; Daniela Ferrández, activista Trans; e Marcos López, comisario do proxecto “Memoria diversa” da Deputación da Coruña.  

 Durante a mesma departirán sobre a memoria das persoas lesbianas, gais, bisexuais e trans, temas que ata o momento quedaran fora dos estudos memorialísticos galegos. Destacan, neste ámbito, as investigacións de Daniela Ferrandez e o libro de entrevistas a maiores LGBT “Memoria Diversas”, de Eva Mejuto, que centrarán a conversa moderada por Marcos López. 

 Continuando a programación, tamén o venres día 30 de xuño ás 21:00h, terá lugar na praza do Reló o espectáculo “Noite de Cabaret”, a cargo da compañía teatral “Marinita y sus maromas”. 

 Neste espectáculo o elenco travístese e xoga cos xestos, a interpretación, a maquillaxe, a roupa e o xénero. Reivindicando e empoderando a palabra travesti mediante os seus espectáculos teatrais, en formato de comedia musical. Números de baile, canto, transformismo, clown. Empregan a arte escénica para reflexionar sobre o xénero, xogando coas características que o definen. Normalizando os corpos e as formas de amar disidentes. Utilizan tamén o humor para caricaturizar a nosa sociedade e visibilizar o absurdo e ridículo das normas e modelos de conduta cos que convivimos. 

 Xa na xornada do venres día 1 de xullo, ás 12:00h terá lugar na Fortaleza de Santa Cruz un contacontos e un obradoiro titulado “Os Bolechas: Somos como as cores do Arco da Vella”, a cargo da Asociación Nós mesmas e dedicada a público infantil de entre 3 e 8 anos.  

 Para asistir ás actividades non é necesaria inscrición previa e a entrada é de balde, ata completar aforo.  

 Máis información no CIM de A Guarda, no teléfono 986 614 648, na web municipal www.aguarda.es ou no correo electrónico muller@aguarda.es

 Rógase a asistencia 10 minutos antes do inicio de cada acto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario