10 de xuño de 2022

O ROSAL

O Rosal inicia unha campaña de sensibilización para un consumo de auga responsable  

Augas de Galicia decretou a situación de prealerta de seca en toda a demarcación hidrográfica de Galicia Costa 




Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal inicia unha campaña de sensibilización e concienciación cidadá sobre a situación na que se atopan as reservas de auga na comarca e a necesidade de facer un consumo responsable da auga. Augas de Galicia decretou a situación de prealerta de seca en toda a demarcación hidrográfica de Galicia Costa, xa que os recursos hídricos existentes mantéñense en niveis inferiores aos habituais nesta época do ano.

 “Con esta iniciativa queremos concienciar aos nosos veciños e veciñas para que fagan un uso racional da auga nos seus domicilios para non poñer en risco o abastecemento en caso de falta de chuvias”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora salienta que “aínda que ningunha traída tivo que restrinxir os litros diarios, temos que ser responsables na xestión da auga no noso día a día”.

 Con esta campaña faise fincapé en que a auga dispoñible na natureza para uso humano é un recurso limitado recompilando unha serie de consellos prácticos e de accións que se poden levar a cabo para contribuír á redución do seu consumo. Cambiar a forma de regar e lavar o coche, arranxar roturas de tubaxes, un correcto mantemento das piscinas ou empregar a auga só para uso doméstico son algúns dos consellos que se recollen nesta campaña de difusión que se realizará a través das redes sociais municipais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario