9 de xuño de 2022

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

DHF

O Atlético Guardés pecha a chegada da Guerreira júnior Elena Amores 

O club  miñoto incorpora a unha das grandes promesas do balonmán español  

A extremo esquerda (destra) procede do Elda Prestigio e é internacional coas Guerreiras júnior, coas que agora mesmo está concentrada 

Elena: “É unha boa oportunidade para crecer tanto deportiva como persoalmente” 

Abel: “Elena é xa unha realidade nas Guerreiras júnior” 


Elena Amores con Jesús López, presidente do Atlético Guardés
Foto: M.G.A.

Redacción / A Guarda

 Despois de incorporar a  Pauli Fernández, máxima goleadora da División de Honra Prata na recentemente finalizada campaña 2021/22, o  Mecalia Atlético Guardés segue captando mocidade na segunda categoría do balonmán español. Elena Amores é a cuarta fichaxe da entidade guardesa e formará parte do persoal que Abel González dirixirá o curso que vén.  

 Natural de  Petrer - como José Ignacio  Prades e Paula Arcos -, a nova extremo esquerda do Atlético Guardés cumprirá 20 anos o próximo 19 de xullo. Elena procede da prolífica canteira do Elda Prestigio, co que pelexou por ascender á liga Guerreiras Iberdrola na recentemente concluída tempada. Amores anotou 115 goles grazas á súa privilexiada boneca dereita. As súas capacidades convertérona nunha fixa da selección española júnior, coa que, precisamente, está concentrada agora mesmo para xogar un torneo.  

“É unha boa oportunidade de crecer tanto deportiva como persoalmente”  

Elena Amores 

 A nova xogadora petrerí do Atlético Guardés sente que vai aprender “e a gozar moito” na súa nova casa. “Estou moi feliz de poder formar parte deste proxecto para a tempada que vén”, destaca Amores. “Estou ilusionada de poder xogar en Europa e creo que é unha boa oportunidade de crecer tanto deportiva como persoalmente”, conclúe.  

 Abel González valora moi positivamente a fichaxe da nova perla alacantina. “Elena Amores xa é unha realidade nas Guerreiras júnior”, proclama. “Vén achegar toda a súa valía tanto a nivel defensivo como atacante. Creo que vai ser unha xogadora que vai facer equipo porque aínda é novo e ten moito percorrido”, confesa o técnico asturiano. “Vén aquí a mellorar as súas prestacións e por suposto que o vai a facer porque estou seguro de que vai traballar duro para logralo”, conclúe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario