Esta fin de semana, cita co ciclismo no XVI Trofeo Montes do Rosal
Máis de 260 deportistas de 3 a 18 anos participarán nesta proba que sairá o sábado 4 ás 16.00 h do Camiño do Cardal
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Camiño do Cardal e a Estrada de Ferreiros será o epicentro do ciclismo esta fin de semana. O concello acollerá este sábado 4 de xuño o XVI Trofeo Montes do Rosal, unha proba organizada polo Club Ciclista O Rosal en colaboración co Concello, a Federación de Ciclismo Galego, a Fundación Deporte Galego, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, e que conta co patrocinio de varias entidades e empresas.
Máis de 260 deportistas de 3 a 18 anos participarán nesta proba “que enche o noso municipio de deporte. É unha ledicia ver as rúas cheas de novos e novas ciclistas, unha canteira que vén pisando con forza”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante a presentación da carreira. No acto estivo acompañada polo xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, e por parte da directiva do Club Ciclista O Rosal.
A proba sairá ás 16.00 horas do Camiño do Cardal e contará cunha oficina permanente na Estrada de Ferreiros. A cita congregará a participantes de varios clubs de ciclismo galegos que competirán nas categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís, cadetes e juniors, todas con categoría masculina e feminina.
A rexedora quixo agradecer en nome do Concello o inestimable labor do Club Ciclista O Rosal para seguir organizando no municipio campionatos que atraen a moito público afeccionado ao ciclismo, así como a inestimable colaboración da veciñanza na celebración desta proba deportiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario