A Xunta de Galicia aposta polo reforzo da cooperación transfronteiriza a través da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, mantivo hoxe unha reunión co presidente da CCDR-N, António Cunha para, entre outros asuntos, abordar a nova convocatoria do POCTEP do período 2021-2027 co obxectivo de manter o liderado na captación de fondos europeos en proxectos transfronteirizos
Foto: X.G.
Infogauda / Porto (Portugal)
Entre os asuntos tratados, a Xunta e o Norte de Portugal coinciden en avanzar na preparación da participación da Eurorrexión en proxectos conxuntos cos que optar aos fondos do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) no período 2021-2027.
A aprobación do novo programa está prevista para finais deste ano coas primeiras convocatorias. Este POCTEP 2021-2027 terá como eixos traballar por unha Europa máis intelixente, verde e baixa en carbono, social e próxima e cunha maior cogobernanza.
Entre as súas prioridades en torno as que deberán xirar as iniciativas presentadas inclúense as relacionadas coa competitividade, a dixitalización e o I+D+i das empresas; a especialización intelixente; a transición ecolóxica, o cambio climático e a biodiversidade; a despoboación e o acceso a servizos, o desenvolvemento integrado e sostible e a gobernanza.
Galicia e o Norte de Portugal esperan manter a posición de liderado do anterior período entre 2014 e 2020, no que se captaron un total de 135 millóns de euros para a posta en marcha de 80 proxectos.
En liña co POCTEP, a Xunta e a CCDRN adiantáronse coa aprobación o pasado xullo do Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como un instrumento de planificación conxunta dos investimentos da Eurorrexión que no próximo período financeiro apostará pola innovación, a ecoloxía, a cohesión e o desafío demográfico.
Cómpre lembrar que no marco da cooperación transfronteriza púxose en marcha o Plan de Reactivación da Cooperación de Proximidade na Fronteira do Norte de Portugal con Galicia. O texto foi elaborado pola AECT da Eurorrexión en coordinación con todos os actores da cooperación transfronteiriza para dar resposta aos efectos da covid e do peche de fronteiras durante o confinamento. Así, presentáronse 11 iniciativas por 29 millóns de euros que o Goberno galego trasladou ao Executivo central para a súa incorporación no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia de España nos fondos Next Generation.
Na reunión de hoxe abordáronse ademais as propostas consensuadas entre a Xunta e o Norte de Portugal que se avaliaron no Cumio Ibérico celebrado o pasado outubro entre os gobernos de España e Portugal. Nesta liña, ambas institucións seguen a reclamar un a finalización do tren de alta velocidade entre Vigo e Porto e a construción da saída sur de Vigo para prolongar esta liña, así como a conexión internacional por autovía entre Galicia e o noreste portugués.
Por outra banda, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal publicou este ano novas convocatorias do programa de mobilidade académica Iacobus para estadías, publicacións científicas e patentes. Tamén continúa a fomentar o intercambio no ámbito cultural a través do proxecto Nortear e no turístico co programa Facendo Caminho mediante a consolidación das rutas do Camiño de Santiago na Eurorrexión.
Nos proxectos levados a cabo destacan tamén os Job Days cos que fomentar a mobilidade e o emprego na Eurorrexión ou o programa B-Solutions con proxectos destinados a identificar obstáculos á cooperación transfronteiriza.
A AECT da Eurorrexión ten como finalidade principal facilitar e fomentar a cooperación territorial e institucional para axudar a eliminar as barreiras físicas e burocráticas e contribuír a mitigar as fronteiras co funcionamento dunha Eurorrexión transfronteiriza efectiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario